Chega a Festa do Mar 2021 a Combarro cunha edición moi especial


O concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez (BNG), presentou os detalles da Festa do Mar 2021 que vivirá agora unha vixésima edición moi especial e chea de novidades. Nesta ocasión as seis datas do festexo se repartirán entre Combarro (do 20 ao 22 de agosto) e Raxó (do 26 ao 28). “Pretendemos, deste xeito e aproveitando os 20 anos de vida desta Festa do Mar , render homenaxe a dúas localidades que teñen unha grande tradición mariñeira”, sinalou Martínez Blanco.

o mar, a cultura vencellada a este sector e a música serán as grandes protagonistas dunha edición na que foi preciso introducir importantes cambios con respecto a edicións pasadas, co obxectivo de garantir a seguridade dos e das asistentes. “A mellora da situación con respecto ao ano pasado permítenos recuperar a Festa do Mar, pero somos conscientes de que aínda non é posible recuperar a programación habitual ao 100%”, recoñece o titular de Festexos, que confirma que nesta ocasión non haberá degustacións gastronómicas e que as actividades que se desenvolvan cumprirán con todas as medidas sanitarias. Deste xeito, os focos recaerán sobre o Encontro de Embarcacións Tradicionais e os concertos que se desenvolverán en Combarro e Raxó.

O inicio da festa será este venres, 20 de agosto, coa recepción no peirao ás embarcacións que tomen parte nunha cita “que xa é un clásico do verán en Poio e que serve para poñer en valor a tradición e a historia vencellada á nosa costa, grazas ao labor encomiable que realiza o Club Mariño A Reiboa”, explicou Xosé Luís Martínez. Este ano participa no encontro un bote de Vela Latina Canaria, -custodiado na chabola Asociación de marineros San Miguel de Bouzas- que desprazou a súa tripulación para este encontro e poder amosar de primeira man este deporte único, recoñecido como Ben de Interese Cultural

Pola tarde será a apertura das exposicións, mentres que as navegacións e regatas iniciaranse o sábado 21, que finalizará coa entrega de trofeos ás 21.30 horas. O domingo 22, as embarcacións despediranse cunha navegación libre, antes de dar o relevo á música. Ás 11.00 horas, Os Queimatasas protagonizarán un pasarrúas, mentres que pola tarde, ás 19.00 horas, será a quenda de Vides Novas. Para as 21.30 horas queda fixado o concerto da Orquestra Marbella, con entrada libre ata completar aforo.

Ademais, durante esa fin de semana a veciñanza e os visitantes poderán gozar cunha nova edición do Armadiña Rock, o venres e o sábado, que ofrecerá numerosas actividades adaptadas ao contexto actual e entre as que non faltarán actuacións musicais de grupos galegos e iniciativas pensadas para as crianzas, entre outros atractivos.

O día 26 de agosto a Festa do Mar trasladarase a Raxó, coa apertura de exposicións ás 18.00 horas. Ás 19.30 horas a Escola de Música Tradicional protagonizará un pasarrúas polo núcleo da parroquia, no que será a antesala dunha das grandes citas do programa, como é o concerto de Efecto Pasillo, na explanada situada nas proximidades de Leopoldo Nóvoa, a partires das 22.00 horas. Para asistir a esta actuación será necesario adquirir entrada previamente na web woutick.es.

O día 27, Vides novas iniciará a programación cun pasarrúas, antes de que o porto acolla espectáculo ‘clown’ de ‘Acrocircus’ (20.00 horas). Pola noite, o concerto do día será ofrecido por a orquestra La Ocaband, con entrada libre ate completar aforo (22.00 horas). Por último, o colofón á Festa do Mar será o 28 de agosto, cunha navegación de embarcacións tradicionais ás 17.00 horas. Os Queimatasas e o espectáculo de música infantil a cargo de Martiña Soñadora, no peirao, darán paso, a partires das 21.00 horas, á Charanga Europa, que será a encargada de pechar unha programación que “mantén a filosofía do Verán en Poio 2021, apostando pola dispersión de iniciativas de lecer seguro por todas as parroquias do noso concello”, finalizou o edil de Festexos.

PROGRAMA 👉 http://ow.ly/rFbA50FSoKz