Castrelo de Miño acollerá o vindeiro ano a Coupe de la Jeunesse de remo



O Parque Náutico de Castrelo de Miño (Ourense), acollerá do 5 ao 7 de agosto de 2022, a Coupe de la Jeunesse, a prestixiosa proba de remo que cada ano reúne a centos de deportistas procedentes de 16 países europeos e que esta fin de semana celebrou a edición de 2021 en Linz (Austria).

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado pola presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente, recibiu a bandeira que acredita a Castrelo de Miño como sede da man do presidente da federación austríaca desta disciplina, Horst Nussbaumer, e a secretaria xeral da proba, Gwenda Stevens, expresando "a completa satisfacción que supón converter a candidatura ourensá nunha realidade, tras pasar con excelentes valoracións o exame da organización á nosa proposta".

O presidente provincial tivo palabras de agradecemento "para todas as persoas que participaron no deseño dunha candidatura gañadora", entre eles os representantes da Xunta de Galicia e do Concello de Castrelo de Miño, pero tamén "co debido recoñecemento ao equipo de goberno da Deputación de Ourense e a todo o persoal implicado, pois a elección de Ourense como sede desta proba é o resultado dun traballo continuado no tempo para converter esta lámina de auga nun espazo internacional de referencia para a práctica do remo e do piragüismo".

Tamén tivo Baltar unha especial mención á Federación Española de Remo e á súa presidenta, Asunción Loriente, "que apostou decididamente por Castrelo de Miño de entre todas as instalacións existentes en España, cualificando no seu momento esta pista como de carácter estratéxico para o mundo do remo no norte do país".

Trala decisión dos organizadores da Coupe de la Jeunesse, o Parque Náutico de Castrelo de Miño toma o relevo da localidade austríaca de Linz, onde esta fin de semana disputouse a regata de 2021 coa participación de máis de 500 deportistas de entre 16 e 18 anos, nas modalidades feminina e masculina, en representación de 16 países. Os dirixentes desta copa, que ten categoría de Campionato de Europa, tamén acordaron que a edición de 2023 se celebre na capital de Holanda, Amsterdam.