Camiño Real entre Moaña e Cangas, a rúa peonil e ciclable máis longa de Galicia

Xa é unha realidade, o único proxecto supramunicipal presentado ao Plan DepoRemse da Deputación de Pontevedra e tamén o que acadou maior puntuación, a recuperación do Camiño Real entre Moaña e Cangas. A presidenta Carmela Silva e a alcaldesa Leticia Santos, acompañadas por representantes da Asociación Veciñal de Tirán, moi implicada neste proxecto, veñen de percorrer esta infraestrutura ao seu paso por Moaña na que a institución investiu 575.000 € para recuperar o espazo público e converter á anterior rede heteroxénea de vías urbanas ata Cangas na rúa peonil e ciclable máis longa de Galicia. “Esta obra emociona –asegurou a presidenta provincial-representa a forma de entender o novo mundo que temos que construír e cumpre cos principios que as administracións públicas estamos obrigadas a defender e impulsar. É un exemplo a seguir e estou convencida de que recibirá numerosos recoñecementos”. 

O “Camiño Real” naceu co obxectivo de interconectar Cangas e Moaña de xeito amable e seguro, recuperando a principal vía de comunicación entre os núcleos primixenios das vilas a través dun percorrido de 5,3 quilómetros. Nos 2,9 quilómetros que transcorren por Moaña creouse unha infraestrutura segura, con velocidade limitada a 20 quilómetros por hora, plataforma única e espazo reservado para peóns a través dunha banda de cor azul que separa os vehículos das persoas. 

Carmela Silva, que reivindicou a necesidade de recuperar o espazo público para “poñer ás persoas no centro e construírnos como sociedade”, destacou que a actuación desenvolvida en Moaña, que xa lle valeu ao concello terse convertido no primeiro da provincia coa “bandeira verde”, é un “claro exemplo” do novo modelo de mobilidade que precisa a sociedade, ao fomentar a autonomía das nenas e nenos, dar seguridade, e fomentar o respecto á natureza. “É un exemplo, cuns acabados extraordinarios. Non teño ningunha dúbida de que vai abrir novas formas de entender o espazo público nos concellos”. 

Tamén enxalzou que sexa un proxecto supramunicipal, que xurde do acordo entre os concellos de Moaña e Cangas, e da propia cidadanía. “As boas políticas e os bos políticos son as e os que escoitan á xente e asumen proxectos conxuntos dándolles participación”.

Neste mesmo eido a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, manifestou que o Camiño Real é “un dos maiores logros nestes seis anos de goberno, que naceu da inquedanza da veciñanza, de tecer lazos e redes que é o que fai posible que os proxectos se fagan realidade”. Santos, que amosou o seu convencemento de que  “este modelo de recuperación do espazo público vai ser demandando pola veciñanza para outros puntos e imos axudar a outros territorios a apostar por el”, subliñou a calidade do proxecto, “moi pensado, moi traballado, personalizado e con alma, con todo axustado á medida dos espazos”. Tamén tivo palabras de agradecemento, tanto para as entidades e persoas implicadas na actuación, dende a empresa que a executou, á propia Deputación de Pontevedra e técnicas e técnicos municipais, como á Asociación de Tirán, representada pola presidenta Chelo Parcero e o presidente honorífico Paco Ferreira.

A pioneira actuación inclúe a creación de prazas e espazos de lecer e novo mobiliario urbano como bancos, fontes, papeleiras, pérgolas e aparcadoiros para bicicletas. O resultado final, totalmente inclusivo, concibido con perspectiva de xénero, dende a atención á infancia e para a integración dos colectivos con diversidades funcionais, é tamén unha reforma innovadora e sostible.