Achega da Deputación da Coruña a 27 pósitos da provincia


A Deputación da Coruña apoia as confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadores e mariscadoras para o desenvolvemento da súa actividade cunha achega de 430.945 euros que permitirán cofinanciar a contratación e mantemento de persoal, mellora de infraestruturas e procesos de comercialización, entre outros.

A través desta liña de subvencións, un total de 27 pósitos coruñeses recibirán entre 3.808 euros e 19.500 euros, que poderán destinar a contratación e mantemento de postos de traballo, servizos de gardapescas, adquisición de sementes de moluscos, vixilancia e xestión de bancos marisqueiros, mellora na comercialización de especies, servizos de asesoramento ou adquisición de maquinaria e equipamentos necesarios para o desenvolvemento das actividades de confrarías, lonxas ou fábricas de xeo.