Promoción do Camiño Inglés e o Camiño Fisterra- Muxía en territorio británico

O deputado de Economía e Facenda da Deputación da Coruña, Antonio Leira, e a súa homóloga no Condado de Durham, Amy Harhoff, asinaron durante unha videoconferencia un protocolo de colaboración para a promoción conxunta do Camiño Inglés e o Camiño Fisterra- Muxía. Na reunión participaron tamén representantes da Asociación de Concellos do Camino Inglés que colabora na promoción desta ruta xacobea.

Leira destacou que "desde 2017, a Deputación da Coruña vén mantendo unha estreita colaboración coa entidade Visit County Durham, no nordés de Inglaterra, co obxectivo de articular plans de difusión e posta en valor do Camiño Inglés como a única ruta de peregrinaxe a Santiago de Compostela que ten o seu quilómetro cero en territorio británico, concretamente na abadía de Finchale, no condado de Durham".

"Nos últimos tamén se anos levaron a cabo accións de promoción do Camiño Fisterra- Muxía, que cada ano conta con máis peregrinos procedentes do Reino Unido", afirmou o deputado, que destacou "o impacto positivo" que esta alianza entre a Deputación da Coruña e Visit County Durham está dando na actividade turística tanto da provincia da Coruña coma do condado inglés.

Froito desta intensa colaboración desenvolvéronse distintas accións conxuntas nos últimos anos coma a instalación dos primeiros sinais do Camiño de Santiago en territorio británico, a creación dunha credencial específica que acredita a peregrinación a Santiago desde Finchale, ou intercambios de alumnos de colexios británicos e coruñeses.

Xunto coa Deputación participa neste proxecto promocional a Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia. Por outra banda, cómpre salientar o espectacular crecemento de peregrinos no Camiño Inglés e Fisterra-Muxía nas últimas semanas, grazas á alta porcentaxe de persoas vacinadas que animou a percorrer estas rutas xacobeas.

O acordo asinado hoxe permitirá reforzar a alianza turística entre a provincia da Coruña e o condado de Durham. Entre as accións que se levarán a cabo destaca a edición de novo material gráfico e audiovisual en español e inglés para promocionar o Camiño en ambos territorios, a promoción conxunta dos destinos en feiras e eventos turísticos e culturais, a colocación de paneis informativos na ruta do Camiño Inglés do condado de Durham e na provincia da Coruña ou a colaboración en proxectos europeos coma o Life Water Way, que permitirá instalar en territorio británico fontes de auga potable similares ás que xa se están instalando na provincia da Coruña.

O protocolo ten como obxectivo protexer e preservar esta ruta xacobea para garantir a súa pervivencia e posta en valor do seu patrimonio, fornecer o territorio cultural e económicamente e impulsar a investigación, comunicación e divulgación do mesmo e da cultura xacobea en xeral.

Viaxes desde Inglaterra en setembro

A Deputación da Coruña, en colaboración coas Oficinas de turismo dependentes de Turespaña en Reino Unido e Irlanda, está a organizar dous fam trip para promocionar o Camiño Inglés.

A primeir viaxe terá lugar entre o 8 e o 12 de setembro e nela participarán xornalistas e prescriptores británicos que virán a coñecer os camiños da provincia da Coruña. Neste grupo están representadas asociacións inglesas como Friends of Finchale Camino, Reading UK, persoas relacionadas coa cultura provintes de St Barbe Museum Lymington, ou de entidades como Visit Durham. Tamén da Confraternity of Saint James & Saint James Way, e o deán de Catedral de Soutwark. Participan tamén viaxeiros irlandeses de asociacións como Walshingham Way (Norfolk) ou do Oxford Centre for Pilgrimage Studies.

Na segunda viaxe, do 22 ao 26 de setembro, virán a provincia da Coruña touroperadores ingleses interesados na paquetización, comercialización e venda do noso camiño.

Ambas viaxes inclúen visitas guiadas, peregrinación de tramos da ruta e inmersión total na experiencia peregrina do Camiño co obxetivo de que os prescriptores elexidos realicen actuacións dirixidas a mellorar o coñecemento do Camiño Inglés no Reino Unido, potencial emisor de peregrinos.