A Vía da Prata como eixo no desenvolvemento da provincia de Ourense


O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reivindicou a Vía da Prata como un eixo estratéxico "no camiño do desenvolvemento da provincia, polo que imos seguir apostando como xa facemos desde hai anos ao tratarse dun dos nosos potenciais que, ademais, vincula a máis da terceira parte dos concellos da provincia polos que discorre". Baltar puxo así en valor o tamén coñecido como Camiño Mozárabe, logo de recibir ás portas da cidade de Ourense a un grupo de peregrinos pertencentes á Asociación "El Camino de Elena", que están a facer unha ruta solidaria para recadar fondos con destino á investigación da atrofia muscular espinal (AME).

Xunto co presidente da Asociación Cultural Amigos do Camiño Mozárabe-Vía da Prata, José Luis Rodríguez, o presidente provincial recibiu aos peregrinos na capela de Santa Águeda, en Seixalbo, acompañándoos durante un treito de aproximadamente dous quilómetros, traxecto no que explicou aos visitantes algunhas das singularidades da provincia como a súa potencialidade no ámbito termal en Europa e a importancia que ten no camiño de peregrinación "como antesala da Praza do Obradoiro, coidando dos milleiros de persoas que se achegan a nós a través de coidadas infraestruturas que, en coordinación coa Xunta de Galicia, permiten ofrecer unha axeitada rede de albergues".

Manuel Baltar tamén lles anunciou que a Deputación de Ourense colaborará nesta iniciativa solidaria bautizada co nome "Camiñando xuntos pola AME". O grupo, que partiu o 14 de agosto da Granxa de Moreruela (Zamora) e chegará a Santiago de Compostela o venres, día 27, tras percorrer 380 quilómetros, fixouse como obxectivo conseguir un mínimo de 1.500 euros -100 diarios- que destinarán á investigación e tratamento da atrofia muscular espinal, enfermidade dexenerativa que produce unha debilidade progresiva dos músculos en nenos e nenas.