A plataforma Son de Lugo ofrece canles de venda directa á carne de gandeiría extensiva


A cooperativa ancaresa A Carqueixa, con máis de 200 gandeiras e gandeiros asociados, é unha das trece firmas que comercializan os seus produtos a través da tenda en liña Son de Lugo promovida pola Deputación.

Ata 215 persoas están asociadas á cooperativa A Carqueixa, que se ten convertido nun referente na comercialización de carne da montaña luguesa cunha aposta clara pola venda en liña a través de O Sabor dos Ancares.

Un proxecto que naceu hai máis de 25 anos con 28 socios e que ten medrado ata a situación actual. Neste tempo, comercializaron 24.000 becerros. O impacto do seu negocio mídese no crecemento de asociados pero, tamén, no de cabezas de gando. Se inicialmente había unha media de catro vacas por casa, hoxe chega ás 25.

Son de Lugo, que foi presentada en xuño, ofrece unha selección de produtos de calidade das distintas comarcas, como queixos das denominacións de orixe de Arzúa-Ulloa e San Simón dá Costa, viños da D.O. Ribeira Sacra, legumes e fabas da IXP Lourenzá, carne de Tenreira Galega Suprema, de Porco Celta e de cabalo de Pura Raza Galega. 

Tamén se poden comprar embutidos da Montaña de Lugo, pescada de Celeiro e bonito dos portos lucenses. O catálogo de Son de Lugo complétao a cooperativa que elabora en Palas de Rei diversos produtos ecolóxicos, como grelos deshidratados, herbas para infusións ou especias, entre outros.