A Deputación de Pontevedra presenta o Rías Baixas Film Fest 2021


A Deputación de Pontevedra deu o "pistoletazo" de saída a unha nova edición dos Rías Baixas Film Fest que, entre setembro e decembro, situarán á provincia "como a grande referencia no audiovisual". A presidenta Carmela Silva, xunto a Suso Novás, codirector de Novos Cinemas de Pontevedra, e Teresa Barberena, codirectora do Festival de Cine Inclusivo de Vigo, deron a coñecer as novidades deste ano, acompañados de representantes de todos os festivais que integran a marca e de integrantes dos gobernos locais de Porriño, Vigo, Bueu, Tui, Vilagarcía e Pontevedra. O acto pechouse cun sketch cómico a cargo do director Pablo Cacheda e do actor Santi Romay.

Os Rías Baixas Film Fest comezarán en O Porriño coa celebración do XVIII Festival de Cans entre o 1 e 4 de setembro e continuarán co X Primavera do Cinema, que terá lugar en Vigo do 7 ao 12 de setembro; co XIV FicBueu entre o 10 e 19 de setembro en Bueu; co XVII Play-Doc que terá lugar entre o 22 e 26 de setembro en Tui; co 4#Galician Freaky Film Fest entre o 29 de setembro e 2 de outubro en Vigo; co VI Festival de Cine Inclusivo que terá lugar entre o 12 e 16 de outubro en Vigo; co 49º Curtas Festivais do Imaxinario entre o 22 e 31 de outubro en Vilagarcía; e co VI Novos Cinemas que se celebrará entre o 14 e 19 de decembro en Pontevedra e pechará a edición do 2021 dos Rías Baixas Film Fest.