A DepoAndaina polo sendeiro azul de Ponte Caldelas esgota prazas en dous días


O programa de rutas de sendeirismo DepoAndainas da Deputación de Pontevedra segue a manter a súa excepcional acollida. Así, as 200 prazas para a cuarta e última camiñada da actual sexta edición, que terá lugar o vindeiro 12 de setembro polo sendeiro azul de Ponte Caldelas, completáronse en só dous días. A partir de agora, as persoas que se inscriban a través da web da Deputación (https://www.depo.gal/depo-andainas) pasarán a formar parte da lista de agarda que a institución provincial está a elaborar e que empregará se algunha das persoas inscritas renuncia á súa praza.

A DepoAndaina polo sendeiro azul de Ponte Caldelas terá un itinerario circular de aproximadamente 8,5 quilómetros, e nela as persoas participantes poderán gozar da tranquilidade dos camiños e sendas das e dos pescadores do río Verdugo ao seu paso polo concello de Ponte Caldelas. A andaina ten unha dificultade media e a saída será, ás 10 horas, do 12 de setembro desde a rúa da Ponte de Ponte Caldelas.

Máis de 500 persoas participaron xa este verán nas anteriores tres DepoAndainas, que percorreron a Vía Verde polos concellos de Caldas de Reis e Portas, a Ruta dos Muiños de Golfariz na Estrada e a senda do Río Tea na Estrada. A través deste programa gratuíto, a institución provincial promove unha serie de rutas gratuítas para fomentar hábitos de vida saudable e promocionar o turismo, dando a coñecer á poboación os espazos naturais máis emblemáticos da provincia.