900.000 euros para manter os areais coruñeses en condicións óptimas


A área de Medio Ambiente e Emprego da institución provincial, que dirixe o deputado José Ramón Rioboo, destina este ano 900.000 euros para apoiar aos concellos coruñeses no sostemento dos gastos de contratación do persoal que se encarga da limpeza dos areais coruñeses durante o período estival, así como a adquisición do material necesario, vestiario ou combustible.

Rioboo destacou que A Coruña é a provincia española con máis quilómetros de costa e que as praias dos concellos costeiros son un dos principais atractivos turísticos. "Ademais de contribuír á conservación ambiental e mellorar a imaxe das praias da provincia, a Deputación da Coruña impulsa tamén con este programa a creación de centos de empregos durante os meses de verán".

Corenta e un municipios costeiros da provincia da Coruña gozan este verán de servizo de limpeza de praias financiado pola Deputación da Coruña.