340.000 euros para eventos musicais, e 200.000 euros para teatro e danza

A Xunta de Galicia publicou a resolución da convocatoria de axudas a festivais de artes escénicas e de música, a través da que distribúe a súa dotación de 540.000 euros entre 28 eventos. En concreto, achéganse 340.000 euros ás 19 propostas subvencionadas na modalidade A para eventos musicais e 200.000 euros ás nove mostras escénicas adxudicatarias da modalidade B.

O Goberno galego reforzou en 2021 esta liña de apoio no marco do Plan autonómico de reactivación cultural, introducindo unha serie de modificacións nas bases para se adaptar á situación derivada da covid-19. Mantense así aposta polos principais festivais galegos, considerados estratéxicos nos seus respectivos ámbitos, diante dun contexto sanitario que continúa a condicionar a súa organización.

De feito, este ano retómase a convocatoria da modalidade dirixida a festivais de música despois de que en 2020 tivera que ser substituída por outras vías de apoio ao sector ante a maioritaria cancelación ou adaptación dos seus formatos habituais. Pola súa banda, a modalidade de artes escénicas, que si se convocou o ano pasado, experimenta un incremento orzamentario do 5% para situarse nos 200.000 euros.

Seis novas incorporacións musicais

No caso dos eventos musicais, a resolución de adxudicación publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) recolle seis citas que se incorporan por primeira vez a esta listaxe de beneficiarias: o Festival Underfest de Vigo con 14.552 euros, o Vilabues Noia Fest con 11.730 euros, o Festival dos Eidos en Folgoso do Courel con 8354 euros, o Musgo de Ourense con 2474 euros, o Canteira Fest de Vilaboa con 1741 euros e o Festival Secreto de Vigo con 1685 euros.

A dotación restante distribúese entre outros 13 festivais, como o Festival Sonrías Baixas (31.781 euros), que dá comezo hoxe mesmo en Bueu; PortAmérica en Caldas de Reis (31.7423 euros), Resurrection Fest Limited en Viveiro (30.903 euros), Atlantic Fest en Vilagarcía de Arousa (30.658 euros), Festival de La Luz en Boimorto (28.396 euros), Revenidas de Vilaxóan en Vilagarcía de Arousa (27.901 euros), Maré Músicas e Artes Atlánticas en Santiago de Compostela (23.661 euros), WOS Festival x Son Estrella Galicia tamén en Santiago (21.629 euros), Festival Sinsal Son Estrella Galicia na illa de San Simón en Redondela (21.402 euros), 17º Ribeira Sacra Festival en Chantada, Monforte de Lemos e Sober (20.927 euros), Vive Nigrán (19.149 euros), Melonafest de Santiago (8106 euros) e Morrasound Rock Fest de Moaña (3206 euros).