‘Thinking cities’ publica o proxecto Ágora, xa recoñecido co Bikefriendly

O proxecto Ágora de recuperación de espazo público da Deputación de Pontevedra, logo de ser premiado co galardón Bikefriendly e recoñecido como aliñado coa Nova Bauhaus Europea, vén de ser de novo aplaudido internacionalmente. Nesta ocasión foi seleccionado como protagonista da edición especial da revista ‘Thinking cities’ titulado ‘Inside Urbanism Next Europe 2021’ editada por ‘POLIS’, a Rede Europea Para a Innovación no Transporte.

O proxecto Ágora é o eixo central dunha reportaxe titulada ‘A provincia das persoas primeiro’, na que falan “dunha profecía saudable” e explican que despois de lograr unha cidade-capital “con espazos públicos de primeiro nivel, a provincia de Pontevedra está a desenvolver un programa pioneiro para ampliar as boas prácticas ao seu territorio”, unha tarefa que cualifican como non sinxela para pasar a explicar como converter “as perigosas estradas rurais en seguras para a vida da comunidade” grazas ao modelo Ágora.

Na reportaxe explican que no centro do programa Ágora está unha “poderosa idea2: construír unha rede permanente de municipios comprometidos en recuperar o espazo público como dereito fundamental da cidadanía. Para deixar iso claro a quen reflexiona sobre o desafío e para guiar as accións dos que se unen, explican que o departamento de Mobilidade, con Uxío Benítez á fronte, pon por diante os dez principios Ágora e aposta por un esforzo verdadeiramente conxunto cos concellos para crear espazos urbanos construídos arredor do benestar e seguridade da cidadanía.

Así mesmo, tamén se recolle que para animar a persoal político e funcionario no desafío o programa inclúe axudas económicas para o desenvolvemento de proxectos, a Facultade Ágora, así como un consello consultivo de expertos aínda por crear.

“Non é un concurso de beleza”

Insisten na revista Thinking Cities en que Ágora non é “un concurso de beleza” nin un programa de “embelecemento” do espazo público de cidades e vilas, senón que céntrase en primeiro lugar en devolver espazo público á cidadanía o que implica reducir límites de velocidade, cambiar fluxos de tráfico e establecer alternativas viables ao s coches privados mellorando a infraestrutura peonil e ciclista priorizando alternativas e opcións de transporte máis sustentables.

“En definitiva, -apuntan- trátase dunha completa reimaxinación do espazo urbano e das estradas rurais. Un onde o dereito de paso público non é simplemente unha canle para que os coches viaxen da A á B, senón un espazo seguro e comunitario que permita unha diversa gama de movemento e vida social”.

Subliñan que “cando se trata de seguridade, compartir realmente é preocupante” e salientan que o proxecto Ágora tipifica o beneficio do intercambio e colaboración entre pares traballando coas rexións circundantes dando unha resposta para toda a provincia aos retos da seguridade viaria.”Estes modelos de colaboración están no máis alto da axenda do traballo de POLIS en seguridade viaria”, insisten.

A reportaxe pecha cun clarificador parágrafo: “Desde Pontevedra (a cidade) ata Pontevedra (a provincia), o progreso está en camiño. E seguindo os pasos dunha cidade profética, toda unha provincia está a piques de amosar que o vello dito bíblico non se aplica en todas partes - ou polo menos, non en Galicia”.

A sección na que se inclúe a reportaxe de Pontevedra en ‘Thinking cities’ está referida á seguranza viaria e á seguridade do transporte. Nela abórdase a política de seguridade viaria, atendendo a todas as categorías de usuarios da vía e apoiando o desenvolvemento de solucións innovadoras. Noutras seccións da publicación especial de Thinking Cities fálase tamén de medio ambiente e saúde, cidades intelixentes, eficiencia do tráfico e mobilidade, accesibilidade, ou gobernanza e integración. Outros exemplos que se tratan son os de Eindhoven, Lille, Moscú, Ravenn, Estocolmo, Viena ou Rotterdam, entre outros.

A publicación sobre Ágora xorde despois de que o deputado Uxío Benítez tivera participado nunha sesión de traballo o pasado mes de marzo na que ‘Polis’, a Rede Europea Para a Innovación no Transporte, cualificou o proxecto Ágora como “unha boa práctica inspiradora” e convidou á Deputación a expoñer o seu proxecto ante representantes de cidades e rexións de toda a Unión Europea.