Seis meles da IXP Mel de Galicia galardoados nos London Honey Awards

Na última edición dos London Honey Awards, seis dos meles acollidos a indicación xeográfica protexida Mel de Galicia acadaban cadanseu galardón. Internacionalmente, os London Honey Awards representan un dos certames máis importantes dentro do sector apícola. Anualmente, a través dunha cata a cegas levada a cabo por un selecto xurado experto en análise organoléptico dos meles, recoñécense os produtos de maior calidade coas distincións de platino, ouro, prata e bronce. 

Na edición 2021, o máximo galardón establecido co premio de platino recaía en Meles JS, seguido de O Poder das Flores, Ouro Puro, O Trobo-Mel do Valadouro e Conde Santo cunha distinción de ouro cada un; mentres que Mel do Colmear “O Salgueiral” se facía coa prata.

Estes nomeamentos veñen ratificar os premios que xa se outorgaran durante as últimas Catas dos Meles de Galicia 2020, onde catro dos meles distinguidos na capital británica xa foran premiados previamente na cata dos meles que organiza a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, en colaboración co consello regulador da IXP Mel de Galicia. Na última edición das Catas dos Meles, as marcas O Poder das Flores e o mel de breixo de Ouro Puro alzábanse coas distincións de ouro nas categorías de mel multifloral e mel monofloral respectivamente. 

Pero non foro os únicos meles que volveron á casa cun galardón baixo o brazo, O Trobo Mel do Valadouro obtería o bronce na categoría multifloral, e Meles JS a prata na monofloral.

Estes galardóns lémbrannos que o Mel de Galicia con IXP é un produto que compite en calidade diferenciada no mercado do mel a nivel mundial, sendo unha etiqueta garante de orixe e diferenciación, de coidado dos apicultores locais e dos consumidores, así como sinónimo de mantemento da biodiversidade.