O Túnel do Viño de Valdeorras celébrase do 9 ao 11 de xullo


O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, presentou xunto ao alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, o programa de actos de promoción do sector vitivinícola comarcal que se celebrará en Valdeorras entre o 9 e o 11 de xullo e que inclúe un túnel do viño, varias catas comentadas e a XXII Cata Oficial dos Viños de Valdeorras.

Este Túnel do Viño desenvolverase en catro sesións diferentes: na mañá e tarde do sábado 10, dunha banda, e na mañá e tarde do domingo 11, da outra. O prezo será de 7 euros por sesión e de 10 euros para dúas sesións.

As entradas poderán adquirirse nunha jaima independente á do evento e coa entrada darase unha copa de cristal serigrafiada. A quenda das sesións matutinas será de 12.00 a 14.00 horas os dous días. E a das vespertinas de 19.00 a 22.00 horas, tamén nambas as xornadas.

Cada unha das sesións irá acompañada por unha cata específica. Así, o sábado e o domingo pola mañá, o director técnico da nosa D.O. impartirá unha cata comentada baixo o título “Aromas e Sabores. Froita e Viño, mundos paralelos”.

Polas tardes, nas dúas xornadas, Marisé Mosteiro, directora técnica da C.R.D.O. Queixo de Tetilla impartirá cadansúa cata centrada na capacidade de maridaxe dos queixos galegos cos viños de Valdeorras. O custo de cada unha destas catas será de 10 euros e cómpre inscrición previa.

Ademais, como é habitual cada ano, celebrararse unha nova edición da Cata Oficial dos Viños de Valdeorras, unha cita que acada a súa edición número XXII. Ata o de agora hai 19 adegas inscritas e 50 referencias e esta semana procederase coas degustacións para logo, na xornada do venres 9 de xullo, entregar os premios aos gañadores nas diferentes categorías no marco dun acto que se celebrará no Hotel Pazo do Castro.