O Museo de Pontevedra participa nun estudo de impacto do turismo cultural


O Museo de Pontevedra entrou a formar parte de IMPACTOUR, un proxecto financiado con fondos do Programa de Investigación e Innovación Horizonte 2020 da Comisión Europea, que ten como obxectivo estudar o impacto do turismo cultural no crecemento económico rexional da UE.

Esta institución museística súmase, a través de Cultura Viajes/ FSMLR que coordina a participación española, como sitio piloto aos restantes socios de nove países europeos que colaboran nel e que proporcionarán unha variedade de datos sobre fluxos de visitantes, bens culturais, provisións de infraestruturas e indicadores económicos e sociais, que axudarán a definir, construír e, eventualmente, probar as novas ferramentas IMPACTOUR para a xestión de destinos.

"Vincularnos con este proxecto supón para nós obter máis visibilidade e proxección internacional xa que nel participan organizacións de distintos estados membros da UE que dispoñen de experiencia e coñecemento experto do patrimonio e do turismo cultural", subliñou o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey.

Esta iniciativa, que botou a andar en xaneiro de 2020 e que se prolongará ata xuño de 2023, desenvolverá, pois, unha metodoloxía avanzada e adaptable combinando algoritmos de análise de datos con enfoques de aprendizaxe automático e intelixencia artificial, coa finalidade de conseguir mellorar as políticas e accións en turismo cultural.

Esta investigación ten como punto de partida a premisa de que o turismo cultural é un factor de crecemento económico e unha ponte entre as diferentes culturas no desenvolvemento das rexións europeas, feito que fai necesario un estudo sobre os o seu impacto e unha avaliación das estratexias transfronteirizas empregadas para alcanzar o desenvolvemento sostible adecuado.