Mar de Mares escoitará aos océanos da man de Michel André


Michel André é o home que escoita aos océanos e nesta edición, Mar de Mares achegará ao seu público os seus coñecementos e os seus estudos. André é o fundador do Laboratorio de Aplicacións Bioacústicas (LAB) da Universidade Politécnica de Cataluña, e creador e director do arquivo único no mundo que recolle os sons da natureza e investiga o impacto das actividades humanas no equilibrio natural.

De orixe francesa, mais aveciñado en España desde hai dúas décadas, este enxeñeiro de  bioacústica escoita, rexistra, monitora e analiza os sons das especies mariñas ante os impactos das actividades humanas e ofrece os datos/información necesaria para limitar os seus efectos e contribuír ao desenvolvemento de actividades mariñas sostibles. “Ignoramos o impacto acústico que ocasionamos no mar e é un impacto con consecuencias desastrosas porque nos océanos, onde a duras penas chega a luz, o son é o  garante da vida”, explica André do seu traballo.

Escoitar os sons da natureza é esencial xa que o son é o único sentido que comparten todas as especies, mesmo aquelas que non teñen oídos pódeno percibir. O son mide o estado de saúde dun ecosistema e o traballo de André axuda a conservar a vida salvaxe do planeta, ademais de desenvolver tecnoloxías acústicas para o control da contaminación acústica no medio mariño que empregan gobernos e universidades con fins científicos, pero tamén compañías comerciais, como son as petroleiras e as navieiras para evitar accidentes. Seu é o pioneiro sistema sistema WACS (Whale  Anti  Colision  System), una teconoloxía empregada para detectar acústicamente e de forma pasiva os cetáceos para previr colisións cos barcos.

Ademais de constatar problemáticas e desenvolver solucións, o científico e o seu laboratorio perseguen un obxectivo non menos importante: informar, sensibilizar e concienciar sobre a contaminación acústica dos nosos mares e océanos, e as súas terribles consecuencias para o ecosistema mariño e a especie humana.