Máis e mellor Porco Celta, nada de carne para Alberto Garzón


O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, vén de visitar dúas explotacións gandeiras da raza autóctona de porco celta situadas nos concellos lugueses de Friol e Vilalba.Precisamente, unha delas recibirá unha subvención a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) dotada dun total de 123.438 euros, co fin de financiar un programa de avaliación do porco celta. O obxectivo principal desta achega é favorecer a selección e mellora xenética para garantir a continuidade desta raza autóctona galega.

Deste xeito a Administración aotonómica ratifica -aínda que sexa cara á galería- o seu compromiso con este tipo de explotacións e a conservación desta raza por medio de accións como a achega dun total de 20.000 euros á Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), co fin de aumentar a rendibilidade das súas explotacións e modernizar o sector en materia de xenética, sanidade e produción animal, asegurou o director xeral.

Por outra banda, a Xunta lamenta as declaración do ministro de Consumo, Alberto Garzón, animando aos cidadáns a consumir menos carne, cando por parte do Goberno galego, en colaboración co sector, hai un esforzo firme e decidido por impulsar aos sectores primarios e nomeadamente o da carne. Nesa liña, celebra a postura do ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), Luis Planas, que si aposta por fomentar o consumo de carne entre a sociedade española.