Lugo Termal, aberto por vez primeira a maiores de 50 anos


O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou a posta en marcha do programa Lugo Termal, que este ano a institución, como unha das medidas do Plan de Impulso da Economía da Provincia, decidiu abrir a persoas maiores de 50 anos, e con acompañantes que non teñan necesariamente esta idade, “co obxectivo de aumentar o retorno económico desta iniciativa nos establecementos termais da provincia cando máis o necesitan, dado o impacto que supuxeron as restricións decretadas pola Covid”, subliñou o mandatario provincial.

José Tomé avanzou que a partir de mañá os veciños e veciñas da provincia poden solicitar algunha das 1.320 prazas con estancia e sen estancia que ofrece a Deputación a través do programa de termalismo, unha vez que no día de hoxe se publicaron as bases do mesmo no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Fíxoo durante unha visita ao balneario de Lugo, que xunto aos de Pambre e Pantón, participa na iniciativa provincial. O Presidente estivo acompañado do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ademais do director do establecemento termal lucense, Antonio Garaloces.

Segundo recollen as bases do Lugo Termal, as persoas interesadas poden presentar a documentación dende mañá mércores a través do Rexistro Xeral ou tamén, a partir das 00.00 horas, a través da páxina web da Deputación de Lugo, www.deputacionlugo.gal

As persoas beneficiarias deberán cumprir con tres requisitos, ademais da idade: estar empadroado ou empadroada nalgún dos concellos da provincia, valerse por si mesma, non padecer alteracións do comportamento que afecten á convivencia e carecer de contraindicacións médicas.