#lamotosevadevacaciones llega a Santiago

 A praza do Obradoiro acolleu o remate da iniciativa turística #lamotosevadevacaciones coa que Repsol convidou a descubrir o Camiño de Santiago da man da moto Honda RC213V coa que Marc Márquez acadou os seus seis títulos de Campión do Mundo de Moto GP, a máxima categoría do motociclismo mundial. 

Nesta chegada a Santiago o Equipo Repsol Honda foi recibido pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que lle fixo entrega dunha simbólica cuncha de vieira en recoñecemento da acción, que consistiu en que a moto percorreu ao longo dunha semana diferentes etapas do Camiño Francés contándoo a través das redes sociais de Repsol e baixo o cancelo #lamotosevadevacaciones.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, agradeceu a Repsol o apoio e a difusión da celebración do Xacobeo e aproveitou para convidar a descubrir non só o Camiño de Santiago, se non Galicia no seu conxunto como destino turístico seguro que é, á vez que destacaba que “o Camiño de Santiago non é unha competición, non é chegar a meta, é toda a experiencia que acompaña a preparación do camiño e o propio Camiño, até chegar ao Obradoiro e que continúa mesmo despois”.