Inauguración oficial da Pedra do Naufraxio do Padova

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou no Faro de Roncudo na inauguración oficial da Pedra do Naufraxio do Padova, coa que a veciñanza de Corme erixe un novo fito conmemorativo nunha zona de concentración de afundimento dos barcos. “O compromiso que mantemos con este territorio segue dando os seus froitos, hoxe coa inauguración deste novo fito que enriquece o espazo de esparexemento deste Faro do Roncudo, un dos principais atractivos turísticos cos que conta o concello de Ponteceso”, explicou Nava Castro.

Este fito conmemorativo lembra o naufraxio do vapor italiano Padova na madrugada do 3 ao 4 de febreiro de 1923 pero tamén se converte nun novo recurso turístico que contribúe a poñer en valor a historia dos naufraxios que rodea á Costa da Morte.

Este recordatorio do Padova convértese así nunha razón máis para vistar Corme e o concello de Ponteceso, no que o Goberno galego leva investido para a mellora das súas infraestruturas e recursos turísticos algo máis de 160.000 euros nos últimos catro anos, que permitiron, entre outras actuacións, a mellora da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos na Hermida, Osmo e ruta do Mar de Corme, ademais da posta en marcha o ano pasado dunha área de autocaravanas  para dar servizo a este tipo de turistas.