Galicia, Un destino musical seguro: 13 festivais no marco do Xacobeo 21-22

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou a nova temporada da marca FEST Galicia que inclúe o patrocinio de 13 coñecidos festivais baixo o lema Un destino musical seguro, no marco da celebración do Xacobeo 21-22. Trátase dun sector ao que a Xunta de Galicia destina un total de 840.000€ para e que con esta medida dá continuidade a iniciativa posta en marcha hai catro anos para promover unha serie de eventos caracterizados pola calidade das súas propostas e a profesionalidade na súa organización, ademais de por achegar valores engadidos á experiencia musical relacionados co turismo, o medio ambiente, a cultura, o patrimonio e a concienciación social.

Na presentación, o responsable de Cultura do Goberno autonómico salientou a calidade da oferta e a súa capacidade para dinamizar o sector e xerar emprego, riqueza e valor diferencial. “En Galicia os festivais forman parte do noso ADN cultural e por iso apostamos por un esforzo coordinado para asegurar a continuidade dos espectáculos e ofrecer eventos desde os que gozar da cultura de xeito seguro”, afirmou. 

Nesta mesma liña, agradeceu o labor dos organizadores “para adaptar as condicións dos seus festivais ás necesidades actuais” ao tempo que pediu “sentidiño” para os que asistan como público a estas citas. “Costounos moito recuperar a celebración destes eventos e por iso, polo ben de todos, pido que actuemos con sentidiño para garantir a súa continuidade”, precisou. 

Os eventos adheridos a esta iniciativa, a partir da convocatoria publicada o pasado mes de xuño, son Atlantic Fest en Vilagarcía de Arousa, Caudal Fest en Lugo, Festival de la Luz en Boimorto, Maré Compostela, PortAmérica en Caldas de Reis, Resurrection Fest en Viveiro, Revenidas en Vilagarcía, 17º Ribeira Sacra Festival en Chantada, Monforte de Lemos e Sober, Sinsal Son Estrella Galicia na illa de San Simón (Redondela), SonRías Baixas en Bueu, Underfest en Vigo, Vive Nigrán e WOS Festival x Son Estrella Galicia en Santiago de Compostela.