Fin de semana cheo de actividades coa Deputación de Pontevedra


A Deputación de Pontevedra continúa a súa programación para "aviventar" a cultura e ofrece durante toda a fin de semana unha ampla proposta cultural e deportiva por toda a xeografía da provincia. Os programas "Música no ar", "Musigal", "Tras as ameas", "Bosques terapéuticos", "Depo andainas" e "Verán deportivo", ademais da estrea dos Rías Baixas Fest en Nigrán e Vilagarcía de Arousa, achegarán durante catro días un total de 20 actuacións musicais, 1 espectáculo de maxia, 3 rutas polos bosques, 1 andaina e 2 competicións deportivas. Por outra banda, a Deputación estará tamén presente cun posto na Feira do Libro de Ponteareas, na que participarán máis de 24 autores e autoras.

No terreo musical chegan os Rías Baixas Fest coa estrea de "Vive Nigrán" (ata o sábado), con 8 concertos e recoñecidas e recoñecidos artistas como Sidecars, Locoplaya ou Shineva, e o Atlantic Fest en Vilagarcía de Arousa (ata o 24 de xullo) con León Benavente Depedro ou Sidonie, entre outros. Ademais, "Música no ar" chega este venres a Tui coa actuación de Ana Belén Rodríguez Trío (con Ana Belén ao piano, Noelia Álvarez á voz e Kiri Cabaleiro á gaita, frauta e percusión) e o sábado a Pontecesures, con Vertixe Sonora interpretando No solpor e despois. "Musigal" ofrece tamén unha interesante oferta musical este sábado cos concertos de Guadi Galego en Salceda de Caselas, Heredeiros da Crus en Bueu e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre en Meaño e o domingo en Valga con Roi Casal.

Pola súa banda, "Tras as ameas" encherá de maxia esta tarde, ás 19 horas, o castelo de Soutomaior co espectáculo O castelo máxico, do ilusionista pontevedrés Pedro Volta. Este show, para o que xa se esgotaron as entradas, sorprenderá ás familias con ilusións ópticas e unha función de maxia ao atardecer nas que castelo e xardíns gozarán de gran protagonismo.

A Deputación de Pontevedra estará presente de igual maneira na cuarta e última Feira do Libro da provincia, que terá lugar ata o 18 de xullo na praza Maior de Ponteareas. Esta cita, cuxa apertura se desenvolverá esta tarde, contará coa participación de 24 autoras e autores para a presentación e sinatura de libros. A institución provincial terá presenza física cun posto no que estarán expostos (mais non á venda) os títulos Tes 5 minutos #1, María Vinyals. A muller do provir, Galaicos. Un pobo entre dous mundos e O Castelo de Soutomaior. Un lugar cheo de historias e se dará a coñecer de xeito audiovisual a programación que está a desenvolver ao longo de todo o ano no campo da cultura.

Por último, no eido do deporte, a Deputación oferta un total de 5 actividades. O domingo 18 será a quenda da primeira das "Depo andainas" 2021, que transcorrerá pola Vía Verde que une os concellos de Caldas de Reis, Portas e Vilagarcía de Arousa. Será unha ruta circular de dificultade baixa e 13 quilómetros de distancia. Polo seu lado, "Bosques terapéuticos" ofrece tres novas experiencias. A primeira terá lugar este venres en Vigo pola ruta Arco da Vella en Bembrive, a segunda o sábado en Meis coa Ruta da Pedra e da Auga, un sendeiro de 1,4 quilómetros no que se visitarán máis de 30 muíños; e xa o domingo o Bosque da Picaraña, en Ponteareas, unha ruta dun quilómetro na que se visitarán máis de 20 penedos. Finalmente, dentro do "Verán Deportivo" patrocinado pola Deputación, disputaranse en Sanxenxo a competición de tenis praia o sábado e a de futvolei o domingo.