Festival de música Bal y Gay, 10 recitais de música clásica na Mariña Lucense

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaron na presentación dos concertos de agosto do festival de música Bal y Gay, que, baixo o título Música á beira do mar, levará 10 recitais de música clásica á Mariña na segunda quincena de agosto. Trátase da oitava edición da iniciativa creada pola Asociación Xesús Bal y Gay en 2014, que conta un ano máis co apoio da Xunta de Galicia no marco da súa aposta por diversificar e descentralizar os eventos culturais para achegalos a todo o territorio galego.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou a necesidade de xerar programación cultural de primeiro nivel que á vez teña capacidade de chegar ao máximo número posible de persoas, como acontece co festival Bal y Gay. O secretario xeral incidiu na singularidade deste circuíto, que ademais de divulgar música de calidade, o fai en escenarios de especial valor histórico, patrimonial ou paisaxístico, co que tamén contribúe a fomentar o turismo cultural.

Así mesmo, Anxo M. Lorenzo eloxiou o traballo desenvolvido pola organización do evento, que conseguiu convertelo xa nun referente grazas a un coidado cartel de artistas, e que foi quen de levar adiante as últimas edicións mesmo nun contexto de especial dificultade por mor da pandemia. “O voso compromiso coa música e co público fai posible que tanto veciñanza como visitantes sigan gozando dunha das mellores citas de música clásica en pequeno formato de Galicia e que o fagan con total confianza e seguridade”, engadiu.

As primeiras actuacións, o 18 en Foz

As actuacións arrancan en Foz, onde o 18 de agosto, no Pazo do Conde de Fontao, o Cuarteto Seikilos ofrecerá obras de Turina, Ravel, del Campo e Gómez. O día 19 será a quenda de Cantoría, que interpretará a Monteverdi na igrexa de Santiago. Pola súa banda, Beethoven, Chopin, Granados e Listz serán os protagonistas dun concerto o día 20 no Auditorio Hernán Naval de Ribadeo, da man de Javier Perianes.

A orquestra de cámara do festival Bal y Gay, con Jaume Santonja de director e María Toledo de cantaora, ofrecerá El amor brujo de Falla o día 21 no auditorio de Burela. Na xornada do 22 haberá dúas funcións, Puro Gershwin na finca Goleta de Foz con Sheila Blanco como vocalista, Federico Lechner ao piano e Chema Sáiz á guitarra; e de Hércules Brass en Barreiros, con pezas de Holborne, Bach, Verdi, Puccini, Turina y Bizet. Esta actuación repetirase o día 23 en Vilanova de Lourenzá.

Xa o 24, na Fábrica de Sargadelos de Cervo escoitaranse obras de Albéniz, Granados, Rodrigo, Bal y Gay y Tárrega da man de Pablo Sáinz-Villegas, e, o 25, Cuarteto Casals interpretará a Mozart, Saalim e Shostakovich na Basílica de San Martiño de Foz. Finalmente, o 26 o espazo elixido é a Catedral de Mondoñedo, na que Orquestra Sinfónica de Galicia con Dima Slobodeniouk tocará obras de Bach, Turina e Adams.

O festival complétase con concertos familiares da man de Cantoria os días 20, 21 e 22 en Cervo, Ribadeo e Mondoñedo, co ciclo de conferencias en liña Follas de álbum e cos obradoiros Recordos musicais en residencias de maiores de Trabada e Ribadeo.