En marcha o ambicioso Plan 'Catedrais de Galicia 2021-2027'


O Plan 'Catedrais de Galicia 2021-2027' conta cun orzamento de 38 millóns de euros, que se destinarán a restaurar parte das catedrais de Santiago de Compostela, San Martiño de Mondoñedo (Foz), Santa María de Lugo, a Virxe da Asunción de Mondoñedo, San Martiño de Ourense, Santa María de Tui e as concatedrais de San Xiao de Ferrol e Santa María de Vigo, co obxectivo de que todos os monumentos poidan chegar en bo estado ao seguinte ano xacobeo 2027. 

Así o matizouo conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, durante a presentación do plan na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela). Xunto a el, acudiron a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, e varios representantes de dioceses galegas.

Hai un total de 60 proxectos previstos neste plan, que non incumben estritamente ao interior dos emprazamentos senón tamén a xardíns, museos, arquivos, etc. Os traballos tiveron como punto de partida a catedral de Santiago de Compostela --as intervencións inacabadas actuais están incluídas dentro do plan--, obra que Román Rodríguez cualificou como "fazaña técnica". Desta maneira, o conselleiro resaltou que as catedrais constitúen un destino "potente" para atraer peregrinaxe e supoñen "riqueza económica", ademais de "emocional".