Editorial-Sumario HGg&T 231 Edición xullo/agosto 2021

Volven medrar as altas por Covid 19 ao peche desta edición, e volven as restricións consecuentes sobre determinadas áreas xeográficas galegas, principalmente no territorio sanitario Pontevedra-Salnés por concentrar a maior porcentaxe de casos contaminados por mor de viaxes estudantís a Mallorca.

Á volta, os estudantes de ensino medio afectados contaminaron ás respectivas familias e círculos máis próximos, de xeito que semella materializarse un castigo á imprudencia de quenes non souberon evitalo, pero tamén un castigo, outra volta, para quen nada ten que ver con esas imprudencias pero sofre as consecuencias, tendo que reducir, outra volta tamén, aforos, posibilidades de negocio: a hostalería. Agora si que non ten culpa ningunha. Paga o sector e concomitantes (subministradores, clientela xeral allea aos casos) o que deberan ter evitado o binomio educativo, pais e administración.

Esas viaxes de graduación ben puideran ter esperado a datas sanitariamente máis garantistas, planificalos para outro tempo parece moito máis previsible e seguro que pedirlle á testosterona que deixe de ser un potente imán entre a manada, e tal posicionamento deberémolo ter moi presente toda a sociedade: que España teña avanzado moito e ben nese combate contra a pandemia non significa, á vista está, que teña desaparecido a ameaza.

E coexisten moitas alternativas con menor risco, e todas as capacidades individuais de control, para non deixar de vivir a vida (e algún reflexo interesante aparece na Miscelánea que se reparte entre as seccións Directo® e en Navegando entre as páx. (32 e 37): velaí as suxestións, por exemplo, que sobre o completísimo e singular informe que na anterior edición de HGg&T lles brindamos sobre os Camiños de Santiago por Galicia, velaí agora as complementacións que lles apuntamos no presente número (páx. 24 a 31) sobre desviacións alternativas no decorrer de cada Camiño por Galicia, porque cómpre vivir a tope este verán, con prudencia pero sen renuncia, o sector e as políticas están aí palpitantes e atentas, tal como se analiza na Mesa de Redacción (páx.19 a 23), con voces moi autorizadas, ademais dos espazos de opinión sobre o eido turístico-hostaleiro (J.L. Palacín e D. Biosca nas páx. 3 e 38 respectivamente).

Para un control total, e se se quere en curto, dun verán hedonista -e dun outono, e máis alá- velaquí, nas páxinas a seguir e xunto coas habituais seccións da revista, a magna, diversa, tentadora e segura selección dos mellores viños brancos que atopamos no mercado embotellado da Iberia atlántica (páx.8-18). Para libar sosegadamente, para un tempo libre xa de máscaras, mais téndoas a man... Porque as reflexións sobre a gastronomía, a cociña e o inmediato futuro que se albisca (conversa entre nós e Capel da páx. 6) tamén darán máis que falar nos vindeiros meses…