Curso para Guías de Sendeirismo e novas ofertas formativas de Tic Emprendes

Un total de 17 persoas mozas de entre 16 e 30 anos, a maioría delas mulleres (11), participan en Redondela nas prácticas para converterse en guías titulados de itinerarios ao aire libre. Trátase dunha nova iniciativa de "Tic Emprendes", o programa co que a Deputación proporciona formación para o emprego á mocidade dos concellos máis rurais da provincia. O curso, que xa completou a formación teórica en formato telemático polas restricións derivadas da pandemia da COVID19, aborda agora a formación sobre o terreo na Senda da Auga ao paso por este concello.

A pesar de que a parte práctica da formación, que consiste en catro sesións, estase a celebrar en Redondela, nela participan mozos/as chegados de ata 11 concellos da provincia (Arbo, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, A Illa, Meis, Mondariz, As Neves, Pontecesures e Portas). A actividade, de carácter gratuíto, conta cunha beca de desprazamento da Deputación.

Por outra banda "Tic Emprendes" abre o prazo para inscribirse nas próximas ofertas formativas, que serán os cursos de "Competencias dixitais en ofimática", "Community Manager", "Operario/a de xestión loxística e dixital dun almacén, con módulo de carretilleiro/a", así como as novas edicións dos cursos de "Marketing dixital", "Aplicacións móbiles (Apps)", "Creación e xestión de tendas en liña", "Creación de contidos  dixitais: imaxe, vídeo e videoxogos" e "Guía de Itinerarios ao aire libre". As solicitudes poden presentarse na sede electrónica da Deputación https://sede.depo.gal/tic-emprendes. Para máis información pode consultarse o sitio https://www.depo.gal/tic-emprendes, contactar no mail ticemprendes@depo.gal ou chamar aos teléfonos 886 217 320 e 986 804 100 (extensión 47320).

"Tic Emprendes" está cofinanciado polo Fondo Social Europeo e conta cun orzamento global de máis de 700.000 euros. O programa ten como obxectivos fomentar o emprendemento entre a xente máis nova, promover a formación cara o emprego e loitar contra o despoboamento, propoñendo alternativas que fixen a xente moza nas zonas con maiores problemas demográficos. En concreto, céntrase nos 31 municipios da provincia de Pontevedra que contan cunha poboación inferior ou igual a 5.000 habitantes ou, no seu defecto, entre 5.001 e 10.000 habitantes con saldo negativo na última década. Son Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelos, A Illa de Arousa, A Lama, Meaño, Meis, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, As Neves, Pazos, Ponte Caldelas, Pontecesures, Portas, Rodeiro, Oia, O Rosal, Silleda, Valga e Vila de Cruces.