Chega a peregrina 50.000 do ano 2021, que ademáis promove o Camiño verde

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, recibiu no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino a María Pilar Acuña, unha moza de Mos que recibiu a súa acreditación como peregrino 50.000 do ano 2021 logo de percorrer o Camiño Portugués da Costa xunto cos seus compañeiros do proxecto Camiño Verde, unha proposta de Acción Solidaria de Galicia (Asdegal) que forma parte do programa O teu Xacobeo.

María Pilar Acuña, que é a segunda vez que percorre o Camiño de Santiago, recibiu de mans de Segundo Pérez, cóengo delegado de Peregrinacións, a súa Compostela e a certificación como peregrino 50.000 do ano, así como un libro e unha medalla do Ano Santo. 

A moza chegou a Santiago de Compostela xunto cun grupo de participantes no proxecto Camiño Verde, que partiu o pasado 6 de xullo da Guarda e que chegou  a Compostela logo de percorrer máis de 160 quilómetros do Camiño Portugués da Costa. Ademais de polo vicepresidente primeiro, o grupo foi recibido pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

Camiño Verde é unha iniciativa da organización non gobernamental Asdegal que promove a dignidade das persoas independentemente da súa condición e que leva a cabo accións solidarias e ambientais, de tal xeito que o grupo aproveitou a súa peregrinación para desenvolver tarefas de limpeza e sensibilización ambiental no Camiño.

Alfonso Rueda saudou a chegada do grupo a Santiago e constatou a progresiva recuperación do Camiño, que no presente mes de xullo contabiliza xa máis de 30.000 camiñantes, unha proba máis de que as rutas xacobeas son unha das opcións máis seguras para facer turismo en tempos de pandemia. Alfonso Rueda animou a María Pilar Acuña e aos seus compañeiros a repetir a experiencia no vindeiro ano, que tamén é Xacobeo.