Catro instagrammers para divulgar o Camiño de Santiago entre a mocidade

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, presentou os catro instagrammers que se suman á campaña da Xunta para divulgar o Camiño de Santiago entre a mocidade. Así, Gala González, Martiño Rivas, Xurxo Carreño e Cristina Cerqueiras, 4 instagrammers con 4 millóns de seguidores, farán 4 etapas do Camiño Portugués da Costa dende o 8 xullo ata chegar a Santiago de Compostela o día 11 de xullo, , coñecendo de primeira man o Camiño, actualizando as súas contas de Instagram diariamente coas súas vivencias do Camiño.

“Moda, tendencias, estilo de vida, humor, cine, teatro... todo iso representan estes catro galegos que co seu talento e o seu carisma conquistaron catro millóns de persoas que seguen cada día as súas contas, os seus traballos profesionais e as súas recomendacións. Agora durante catro días estes catro mozos vanse converter en peregrinos e en guías para eses catro millóns de persoas que os seguen”, indicou Alfonso Rueda.

Cristina Cerqueiras e Xurxo Carreño indicaron que ningún dos dous teñen feito o Camiño de Santiago polo que este reto failles especial ilusión, e tal como dixo Cristina, “vai ser moi bonito poder facelo cos seus compañeiros, facer un pouco de exercicio, vivir a experiencia do Camiño e seguir presumindo de Galicia nas redes sociais”. Xurxo Carreño, precisou que unha das súas grandes aficións é a natureza e que para el facer o Camiño de Santiago é un auténtico reto e irá transmitindo os seus seguidores como vai a ser o seu día a día no camiño de Santiago

Gala González indicou que leva facendo anos o Camiño de Santiago, concretamente en todos os anos Xacobeos, xa que era unha tradición no seu colexio de A Coruña. “O bonito da experiencia é poder poder tamén ter un pouco de tempo para un mesmo, para reflexionar e que nos permita coñecer recunchos marabillosos da nosa terra,” rematou a coruñesa.

Pola súa banda, Martiño Rivas indicou que para el o Camiño é unha oportunidade de encontrarse. “É  é un sentimento espiritual, unha oportunidade de renacer do corpo e da mente. Volver a nacer e volver a soñar”, precisou o actor. 

O vicepresidente primeiro lembrou que a Xunta quería chegar coa promoción do Xacobeo a todas partes e a todos os públicos. Así foi con Xoel López para a campaña de Camiña a Galicia e agora volvemos facelo con catro galegos. O Xacobeo e o Camiño teñen que chegar a todas partes e cos  cancelos #GaliciaDestinoSeguro e #CamiñaAGalicia chegaremos aínda a máis xente. Agora, a través de Instagram, seguimos insistindo en todo o bo que ten que ofrecer Galicia como destino seguro e, xa que logo, o Camiño como Camiño Seguro.