Begoña Vázquez estrea food truck o 18 de xullo en Adegas Triay


Begoña Vázquez, cociñeira e propietaria do restaurante O Regueiro da Cova de Verín estrea food truck e vaino facer cunha actividade enoturística programada para o 18 de xullo nos viñedos de Adegas Triay, de Oimbra, a adega que rexentan Antonio e Puri. Para esta actividade enogastronómica contará coa colaboración con José Luis Prieto, do Retiro do Conte, magnífica instalación hoteleira (Turismo Rural e carpa para eventos) localizada en Vilaza, e da Pastelería Primavera, tamén de Verín. (Monterrei).

“Imos facer esta primeira actividade nos viñedos de Triay, que sempre están dispostos a colaborar, o mesmo que José Luis. Será un menú con produtos de tempada de pequenos produtores do Val de Monterrei para promocionar a nosa gastronomía, maridado cos viños da adega”, salienta Begoña.

Segundo comenta a HGg&T, a food track, que encargou durante o confinamento, recibiuna hai uns 20 días e a idea “ao dispor dunha cociña móvil e facer máis eactividades. Teño previsto facer outra no Castelo de Monterrei, aínda sen data; facer algo en Riós no outono con castañas e cogomelos, e tamén unha festa da vendima, ao remate da mesma,  como fan pola Rioja”.

Para o evento nos viñedos de Adegas Triay, concibido para 30 persoas, a reserva pódese facer no restaurantante O Regueiro da Cova (988 683599), sendo o prezo de 35 euros por persoa. A actuación musical correrá a cargo de David Rivada e Héctor Varela, violín e violonchelo.

Begoña Vázquez defínese como unha chef que fai “cociña rural, traballo con pequenos produtores da zona que teñen uns produtos espectaculares; en cada prato trato que se poida comer a comarca de Monterrei, os sabores de toda a vida pero renovados e postos ao día”. 

É a única muller da asociación “Cociña Ourense” e un valor seguro e recomendable na cociña verinense e de toda la provincia de Ourense. Nos seus pratos non hai artificio nin fume, sí en troques moitas raíces e identidade.