Animados e ilustres roteiros por Compostela


O Museo Casa de la Troya vai poñer en marcha o proxecto “Roteiros de Compostela: do Pórtico da Gloria á Casa de la Troya”, unha iniciativa apoiada polo Xacobeo 2021-2022. O presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo, Benigno Amor, sinala que “a proposta conxuga, a través dunha serie de actividades, aspectos patrimoniais e culturais, contribuíndo a divulgar de xeito lúdico a historia e a vida social de Compostela, así como a pegada na cidade dos peregrinos en diferentes épocas. Contempla tamén dúas actuacións vencelladas directamente ao Camiño Portugués”.

En agosto e setembro celebraranse un total de 8 roteiros teatralizados polo casco histórico de Santiago. O actor, historiador e guía Suso Martínez encargarase de amenizar estes percorridos, relatando a historia de Compostela desde a construción do Pórtico da Gloria (s. XIII) ata os tempos de La Casa de la Troya (finais do s. XIX), incluíndo a visita ao Museo.

“Trátase de itinerarios temáticos animados por personaxes cuxa misión é axudarnos a interpretar e descubrir o valor do patrimonio cultural da cidade. Nestes roteiros, o guía irá alternando os seguintes personaxes históricos de Compostela: o trobador Paio Gomes Chariño, o colexial de San Patricio (Colexio dos Irlandenses de Santiago) William Lamport, e o cronista e arquiveiro Pablo Pérez Costanti. As visitas faranse en galego ou castelán, dependendo da procedencia do público” -explica Amor-. Comezarán ás 20 horas, o máximo de participantes é de 10 e o prezo de cada roteiro é de 5 €.