A toponimia dos Ancares Lucenses rexistrada no libro Pedras con lenda


A Deputación de Lugo axudará a salvagardar a toponimia dos Ancares Lucenses coa edición do libro Pedras con lenda, un volume do que se imprimiron 350 exemplares e no que aparecen identificados 1.250 lugares dos concellos de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna. O Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, participou este sábado na presentación que tivo lugar na Casa da Cultura becerrense e puxo en valor o patrimonio natural, cultural e etnográfico da zona.

“A Deputación asume a xestión directa desta Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Forma parte do noso traballo asegurar a protección do valor patrimonial, natural e etnográfico desta zona. Este volume é un bo exemplo deste labor”, explicou Raposo. O responsable provincial apuntou que este libro “permite salvagardar os nomes que -durante séculos- a veciñanza de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna puxeron aos lugares cos que se vincularon no seu día a día”.

Xabier Moure, José Ángel Fernández e Pilar Carpente son os autores do libro e forman parte do colectivo Patrimonio dos Ancares. O seu traballo permite recuperar e poñer en valor a toponimia ligada ás pedras, ás historias, ás lendas, os ritos e ás tradicións que forman parte da memoria desta comarca. 

Para a elaboración deste volume os seus autores consultaron documentación procedente do mosteiro de Penamaior, en Becerreá, do desaparecido mosteiro de San Salvador de Cancelada, Cervantes, e da Casa de Altamira, en Navia de Suarna.

Na presentación repartíronse 50 exemplares entre a veciñanza. O vindeiro sábado, 10 de xullo, o libro darase a coñecer na Casa do Concello de Cervantes e o sábado 17, tamén deste mes, na Casa do Concello de Navia de Suarna.