A marca carballesa Mmmm! Xeados presenta os sabores do verán

Durante a crise da COVID, en Mmmm! Xeados propuxéronse  manter unha estratexia de lanzamento de novidades de xeito continuo. Ademais do, xa tradicional, peculiar sabor de tódolos veráns, durante este inverno incorporaron propostas como as caixas personalizadas para envíos, as novas variedades de chocolates, as diferentes propostas de almorzos a domicilio ou o pan e doces sen glute, estos últimos da man de Leon the Baker.

Agora que entramos no verán, non podía faltar a presentación desta tempada da marca carballesa. Así que, aos éxitos acadados con sabores tan singulares como Herbas de San Xoán, Cinza, Cianuro ou Anko, este ano, non decepcionan, ofrecéndonos novos sabores e outra sorpresa.

En Xuño xa lanzaron “Xungla” como a súa versión particular do chocolate de moda “Jungly”,  e agora presentan un xeito diferente de desfrutar e compartir un xeado: o Poke Xeado. Baseándose no “Poke Bowl” (unha comida tradicional hawaiana que probablemente teñas visto nas redes, e que se fixo moi popular, abríndose restaurantes especializados neste saudable prato en moitas cidades), en Mmmm! ofrécennos unha versión “xeada”. Trátase dun bol no que podemos desfrutar de 3 sabores diferentes con complementos: un para triscar, un para lamber e outro para catar. Unha opción diferente e chea de sabores, que promete converterse nunha nova alternativa de comer e compartir xeado na Costa da Morte.

E aínda hai máis, xa que nas próximas semanas lanzarán outro novo sabor, o “Té Matcha”, un acompañamento perfecto para o xeado de Anko, que presentaron o verán pasado. Dous sabores tradicionais e moi usados na cociña xaponesa, que agora podes desfrutar na Rúa Coruña de Carballo.