A Deputación de Pontevedra pide maior coordinación na promoción do Camiño Portugués


A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, dirixiu unha carta ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na que lle traslada o malestar das alcaldesas e alcaldes da Guarda, Antonio Lomba; de Oia, Cristina Correa; do Rosal, Ánxela Fernández e de Baiona, Carlos Gómez, polos problemas que se están a producir respecto da coordinación da promoción do Camiño Portugués pola Costa entre Galicia e Portugal e esixe "unha inmediata solución". "Estando xa no bienio Xacobeo 2021-2022 non nos podemos permitir perdas de calidade ou prestixio nos itinerarios que levan a Santiago", sinala na misiva Carmela Silva, que lembra que este itinerario está recoñecido desde 2016 e que "as relacións de cooperación e coordinación con Portugal son asunto que compete directamente á Xunta de Galicia".

As queixas das que se fai eco a Deputación xa foron trasladadas polas rexedoras e rexedores municipais destes concellos á Sociedade de Xestión do Xacobeo. Dunha banda, as alcaldesas e alcaldes manifestaron o seu malestar polo irregular funcionamento do transbordador entre Caminha e A Guarda, que a principios deste mes de xullo seguía sen estar en servizo e que durante os períodos nos que opera "caracterízase por horarios irregulares". A alternativa a esta liña marítima son os "taxi-mar", unhas pequenas embarcacións que xestiona a Cámara Municipal de Caminha e que segundo as testemuñas das persoas usuarias, nin sequera teñen unha tarifa estable "senón que depende do número de persoas a bordo en cada viaxe".