A Deputación de Pontevedra achega 130.000 € a 26 entidades de 13 concellos para impulsar actividades turísticas


A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a concesión de 130.000 € a 26 entidades de 13 concellos da provincia para impulsar actividades turísticas coas que a institución pretende contribuír ao fomento do turismo e a súa profesionalización, impulsando iniciativas encamiñadas a estimular o sector, a súa calidade, accesibilidade e sustentabilidade, así como á promoción dos recursos turísticos da provincia.

No marco desta liña de subvencións dirixidas a actividades turísticas, a comarca de Vigo vai recibir 63.029 € que se distribuirán entre 13 entidades de Baiona, Nigrán e Vigo. Pola súa banda catro entidades dos concellos de Cambados e Sanxenxo na comarca do Salnés recibirán 20.900 €. De Cambados beneficiarase a Asociación Ruta do Viño Rías Baixas para a promoción da enogastronomía.

Ata a comarca de Deza e Terra de Montes chegarán preto de 15.000 € que irán ata catro entidades dos concellos da Estrada e de Lalín. Da Estrada beneficiaranse a Asociación de Veciños de Sabucedo que destinará os recursos ao MUSA 2021 e a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo que os achegará a "Sabucedo, o sentir dun pobo". 

A comarca do Baixo Miño recibirá 14.876 € para tres entidades dos concellos do Rosal, Tomiño e Tui. 
Da comarca do Condado a Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas beneficiarase dunha achega por valor de 5.500 € para a promoción da dita festa do Corpus Christi. Pola súa banda de Pontevedra a Asociación para o Desenvolvemento Educativo e Cultural da capital recibirá 5.460 para o curso de biodiversidade e emprego no sector do turismo e da comarca do Morrazo a Asociación FICBueu beneficiarase de 4.300 € para o proxecto "Descubrindo a vila de Bueu".

Neste 2021, como principal novidade, a liña de subvencións dirixidas a actividades turísticas da Deputación ten discriminado positivamente aquelas iniciativas que están a contribuír na dinamización económica dos sectores máis afectados polas restricións derivadas da COVID-19. Ademais, tamén se ten incrementado a contía máxima das achegas, que chega ata os 5.500 € por entidade, 500 máis que o establecido no 2020