A Coruña voltará a acoller o Festival Mar de Mares co foco no informe 30x30

A organización do Festival Mar de Mares anunciou as datas da súa oitava edición: entre os días 23 de setembro e 31 de outubro, Mar de Mares desenvolverá na Coruña e a súa área metropolitana o seu programa completo de actividades que reunirá a persoas expertas de todo o mundo e traerá as mellores historias para inspirarnos a defender de maneira activa a saúde dos océanos.

Aliñado desde os seus inicios cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, nesta edición o Festival Mar de Mares poñerá o foco no informe 30x30 no que a comunidade científica pide que ao menos o 30% dos océanos do mundo sexan declaradas áreas mariñas protexidas para o ano 2030. Así, o Festival súmase ás voces a nivel mundial que reclaman a necesidade da conservación e ordenación das actividades mariñas a través da chamada a acción desta campaña 30x30. Na actualidade só o 2% da superficie mariña está protexida.

Segundo Merce Carballo e Silvia Oviaño, Codirectoras de Mar de Mares, “é importante avanzar no camiño da sustentabilidade e os océanos son clave. As áreas mariñas protexidas demostraron ser moi útiles na mellora da saúde dos océanos e é por iso que debemos comprometernos en ampliar a súa superficie”.

A través de historias actuais e do pasado, o Festival aposta tamén por lucir orgullo mariñeiro, porque poucas cidades hai máis mariñeiras que A Coruña e poucos pobos saben do mar que Galicia.  

Programa de máis de 20 actividades

De novo, Mar de Mares completará unha programación de máis de 20 actividades nas que participarán referentes galegos, españois e internacionais vinculados ao mundo do mar a través de diversas disciplinas. O Festival Mar de Mares é unha celebración dos mares, mais tamén é un altofalante que alerta sobre a importancia da súa conservación.

En 2021 o seu programa incluirá, entre outras actividades, exposicións, visitas á Lonxa, saídas en veleiro pola costa da Coruña e encontros inspiradores, o especial formato organizado polo Festival que invita a reflexión da man de destacadas personaxes.