Yzuel renova a presidencia de Hostelería de España por catro anos

Hostelería de España celebrou a súa asemblea xeral electoral na que José Luis Yzuel renovou a presidencia por outros catro anos xunto ao Comité Executivo que acompañaba a súa candidatura. 

Os catro anos de mandato de Yzuel comezaron cunha profunda renovación da organización, marcada polo cambio de imaxe ata chegar á actual Hostelería de España e un estreitamento de lazos coas asociacións territoriais co obxectivo común do máximo crecemento do sector, tendo en conta o forte peso social e económico que ten. 

Este ano, marcado pola pandemia, foi moi duro para o sector, que volveu a pór a súa confianza para os próximos catro anos en Yzuel, para liderar os retos futuros que ten a hostalería, baseados nos alicerces da sostibilidade e a dixitalización, e a recuperación dunha actividade que nun ano sufriu o peche de case 100.000 negocios. 

O presidente quixo resaltar no peche da asemblea que “hai que seguir traballando para continuar engrandecendo un sector que antes desta crise supuña o 6,2 % do PIB e daba traballo a 1,7 millóns de persoas. Demostramos que somos unha actividade cunha gran capacidade de adaptación e unidade, que debemos aproveitar para afrontar o futuro con optimismo e con ganas de volver ser o sector que máis felicidade proporcione”. 

Ademais, durante a asemblea recoñeceuse o importante labor que desenvolven as asociacións territoriais para xerar tecido empresarial, consolidar obxectivos comúns e tamén, en especial este ano, enfrontar a crise que viviu o sector.

O Comité Executivo da Confederación tamén foi renovado e continuará formando parte do mesmo Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl).