Volve a MIT cunha intensa programación en múltiples lugares de Ribadavia

A 37ª edición da MIT desenvolverase ao longo de 10 xornadas cunha intensa programación en múltiples lugares de Ribadavia, a maioría ao aire libre, coa incorporación de espazos singulares como as vistas ao val do Avia dende A Franqueirán, dentro do programa SputMIT, satélites da MIT. A Casa da Cultura, o Castelo, a Igrexa da Madalena e a Alameda, completan o conxunto de lugares nos que se poderá gozar de todo tipo de espectáculos, pezas de danza vertical sobre fachadas, pezas sobre memoria histórica e memoria cultural, teatro-circo, premiados espectáculos para toda a familia ou humor con actores e actrices da talla de Malena Alterio, Mabel Rivera, Tomás Pozzi, Luis Bermejo, etc.

A apertura do festival contará coa estrea do novo espectáculo de Jan Lauwers, Billy's Violence, o día 16 de xullo, un espectáculo creado pola compañía Needcompany, a partir das dez traxedias de Shakespeare, e péchase o día 25 coa obra de teatro físico Dejà vu, do "artesán escénico" catalán recentemente premiado pola súa dramaturxia de teatro circo Manolo Alcántara. Ao longo dos días, o público poderá ir lendo o desenvolvemento dun relato escrito sobre os escenarios da fermosa vila de Ribadavia, un relato pensado e deseñado para facernos ver temas enfiados e fontes de creación con diversos estilos, como pode ser a obra dun autor clásico coma William Shakespeare, do cal teremos a versión plástica, musical e irreverente do Othello de Voadora (en coprodución coa propia MIT, o Teatro de la Abadía e o Teatro Nacional Saõ João de Portugal) ou a versión de limpeza física, de precisión vocal e forte impacto visual do Rey Lear de Atalaya, compañía xa coñecida e recoñecida na historia do noso festival.

No ámbito temático, veremos cómo se tocan obran tan dispares como The Mountain (da xa coñecida compañía Señor Serrano, que hai anos estivo con grande éxito na MIT coa súa obra A house in Asia) co Othello de Marta Pazos e Fernando Epelde grazas á reflexión sobre a posverdade ou a construción das noticias falseadas e manipuladas. Ou a cuestión da caza de bruzas en obras distantes como a escrita por Diana Mera para un elenco de once atrices (Soga e Cinsa, coprodución da MIT coa compañía galega Aporía Escénica) coa obra de Lauwers, que explora na violencia, unha das preocupacións recorrentes do seu repertorio escénico. Tamén veremos, cómo a partir da autoficción e da situación de convivencia no Camiño de Santiago, Redrum fala na estrea da súa nova peza, entre outros temas, da desmitificación do amor romántico e logo o dramaturgo Tomás Cabané incide nesta cuestión con Querido Capricho a través da historia dunha muller confinada e namorada dun mozo menor ca ela, maxistralmente interpretada por un gran actor, Tomás Pozzi.

O festival de Ribadavia é polo tanto, un convite para o espectador activo, para o espectador que se quere deixar soprender e descubrir as linguaxes escénicas máis innovadoras e que pon en relación focos, tendencias sinaladas, atrevementos, riscos e traballos que non nos van deixar indiferentes.

Ademais dos espectáculos para público adulto, a MIT tamén conta cunha oferta de igual nivel de espectáculos para o ámbito familiar, con prestixiosos e sorprendentes. A partir do 1 de xullo poderanse mercar as entradas de todos os espectáculo na súa web ou na propia oficina do festival, na entrada da Praza Maior de Ribadavia. O prezo varía entre os 5 e os 10 euros.

A MIT conta co apoio do INAEM-Ministerio de Cultura e Deporte, a AGADIC-Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, diversos patrocinadores privados, o propio Concello de Ribadavia e mantén un orzamento máis ou menos estable de arredor de 180.000€.