Un túnel do viño en Valdeorras para sustituir á tradicional feira


O Pleno do Consello Regulador da D-O. Valdeorras aprobou promover a celebración dun Túnel do Viño, ao que poderán adherirse as adegas amparadas baixo o selo da D.O. coas referencias que queiran achegar, na fin de semana do 10 e 11 de xullo. Este evento, que rempraza este ano á tradicional Feira do Viño, concíbese como o acto central dunha serie de accións encamiñadas a divulgar o potencial dos brancos e tintos da comarca que terán lugar en xullo.

“Dado o ritmo de vacinación actual e para tentar organizar un acto o máis seguro posible decidimos substituír á Feira do Viño, coas súas casetas, por un Túnel do Viño, máis sinxelo de organizar e que se desenvolverá baixo o seguimento dun estrito protocolo anti-Covid”, sinalou o presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, ao finalizar o Pleno de hoxe.

Ademais deste Túnel do Viño, vaise promover un ano máis a Cata Oficial de Valdeorras, que nesta ocasión acada a súa XXII edición. Xunto a isto, na fin de semana en que se desenvolva o Túnel do Viño tamén se desenvolverán en Viloira diferentes catas comentadas, con maridaxe de produtos gastronómicos.

O Pleno tamén aprobou a proposta de asociar ao Consello Regulador á Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) para que as adegas poidan beneficiarse de todas as ferramentas da que esta organización dispón tanto para favorecer a súa actividade comercial como para incentivar a exportación.