Un millón de euros para os festivais da provincia da Coruña


A área de Cultura da Deputación da Coruña destina un millón de euros aos festivais organizados por concellos e entidades da provincia. Un total de 514.425 € distribúense entre 33 festivais de asociacións e 474.277 € diríxense a apoiar os 23 promovidos directamente polos concellos da provincia.

"Para nós, apoiar os festivais significa apostar pola difusión e a creación cultural a través do que son verdadeiras plataformas de promoción das propostas existentes e tamén de creación de emprego e riqueza no sector", explica o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto.

En total son 56 os eventos culturais audiovisuais, musicais e de artes escénicas que este ano reciben financiamento da área de Cultura da Deputación da Coruña que reforza a súa posición como primeira institución no apoio económico a festivais. "Para nós revalidar esa posición é aínda máis importante neste momento en que os festivais poden ser motor de recuperación da cultura ao vivo tan afectada pola crise provocada pola pandemia que obrigou a cancelar durante tanto tempo todo tipo de espectáculos", apunta Xurxo Couto.

Cineuropa, Curtocircuito, Cinema Miúdo, Carballo Interplay, Mostra de Curtametraxes Vila de Noia ou Mares do Fin do Mundo de Outes son algúns dos festivais audiovisuais organizados por concellos que reciben axuda nunha convocatoria a través das que se apoian outras citas de especial relevancia no calendario cultural municipal como son o Festival do Queixo de Arzúa, a mostra de Teatro Galego de Cariño, a Foliada de Melide, Jazz Noia, Festival de Monólogo Teatral e a Mostra de Teatro infantil e xuvenil de Narón ou o Asalto ao Castelo de Vimianzo con axudas que van desde os 68.000 € a algo máis de 2.300 en función do orzamento presentado e o coeficiente de apoio que reponde á criterios obxectivos xunto coa valoración técnica dunha comisión de expertos e expertas.

As axudas a festivais de asociacións van desde os 51.000 € a 5.576 e, entre eles, atópanse algúns do ámbito musical como o Feito a Man de Santiago, Galiza Blues de Noia, Irmandiños de Moeche ou Resis da Coruña aos que se suman teatrais como FIOT de Carballo, Atlántica, Titiriberia ou Galicreques e audiovisuais como a Mostra Internacional de Cinema Periférico do Museo do Pobo Galego ou o S8, Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña.