Técnicos de Medio Rural asesoran aos viticultores de Chantada afectados polo granizo


A Xunta despraza técnicos da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía (Evega) á localidade lucense de Chantada para asesorar -en coordinación co persoal das Oficinas agrarias comarcais (OAC)- aos viticultores afectados pola treboada de pedrazo alí rexistrada. Así o dixo o conselleiro do Medio Rural, José González, que comprobou de primeira man os danos causados pola sarabia neste concello lugués, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos. Segundo apuntou, estes profesionais encargaranse de orientar aos produtores prexudicados sobre os tratamentos que deben levar a cabo nos viñedos con maior celeridade e sobre as prácticas máis aconsellables, co obxecto de minimizar as perdas.

Técnicos da Consellería do Medio Rural xa fixeron un primeiro percorrido pola zona e constataron que nunha superficie de preto de 60 hectáreas da parroquia de San Fiz as vides quedaron sen follas nin acios e que tamén houbo afeccións, aínda que en menor medida, nas parroquias de Pesqueiras e Líncora, en Chantada, e nas de Rebordaos e Diomondi, no concello veciño do Saviñao. Con todo, o conselleiro apuntou que haberá que agardar uns días máis para que se manifesten o total dos estragos.

Así, José González comprometeu na súa visita todos os mecanismos ao alcance do Goberno galego para que técnicos especializados poidan asesorar convenientemente aos viticultores na recuperación dos viñedos danados. Nesa dirección, facilitou o número de teléfono 982 889 112, correspondente á OAC de Monforte, para que os produtores e adegueiros afectados poidan resolver dúbidas e solicitar asesoramento, recalcando que dito número estará activo tamén durante a vindeira fin de semana.