“Sigue o teu Instinto” acada un ouro no ITTF Africa


O audiovisual “Sigue o teu Instinto” da Deputación de Pontevedra aumenta a súa colección de premios en festivais internacionais. A peza, protagonizada pola actriz Celia Freijeiro na campaña 2020 de promoción turística do destino Pontevedra Provincia, vén de acadar o Ouro dentro da categoría Produto Turístico - Atraccións Naturais do International Tourism Film Festival – Africa (ITTF Africa), co que suma o terceiro galardón en prestixiosos certames do circuíto tras ser premiado en marzo no festival The Golden Gate de Berlín, e a pasada semana no Fitur Travel Video Competition. A Deputación ten, amais, confirmación dun cuarto premio que será anunciado proximamente ao non poder facerse público ata a cerimonia de entrega.

A distinción no ITFF Africa para “Sigue o teu Instinto” foi concedida nun acto celebrado en Cape Town (Sudáfrica), no que se entregaron os premios aos mellores audiovisuais do mundo nas distintas categorías do prestixioso festival, que este ano rexistrou un récord histórico de participación con 865 cintas chegadas de 95 países. 

Un xurado internacional composto por expertos e expertas de renome outorgou o primeiro premio no apartado de Atraccións Naturais a “Sigue o teu Instinto”, que anteriormente xa fora premiada na categoría de “Ecoturismo”  en Berlín, onde competía con 122 películas de 23 países; e distinguida como mellor promoción dun produto turístico do mundo en Fitur, en liza con 85 cintas. 

Na cerimonia foron premiadas, noutras categorías, audiovisuais de Australia, Austria, Croacia, Dinamarca, Egipto, Francia, Alemaña, Grecia, India, Iraq, Italia, Japón, Kenya, Lituania, Malawi, México ou Montenegro, entre outros países. 

Recoñecemento aos audiovisuais turísticos da Deputación

O ITTF Africa forma parte do CIFFT Circuit, unha prestixiosa competición a través de 14 festivais audiovisuais especializados no sector turístico na que son premiadas as consideradas mellores pezas do ano en todo o mundo. O vídeo promocional de “Fame de Experiencias?”, campaña turística da Deputación que precedeu a “Sigue o teu Instinto”, colleitou un extraordinario palmarés dentro deste circuíto, con 14 premios aos que sumou tamén o título ao mellor produto turístico na anterior edición de Fitur. Ambas pezas son obra de Esmerarte Industrias Creativas. O éxito ao longo destes dous anos dos audiovisuais da Deputación certifica o recoñecemento á calidade das promocións turísticas da institución nos festivais internacionais do sector.