Os parques patrimoniais da Deputación da Coruña protagonizaron a feira B-Travel

Os recursos turísticos de calidade e o modelo de xestión intermunicipal dos parques patrimoniais nos que a Deputación da Coruña está a traballar cos concellos foron protagonistas da feira B-Travel de Barcelona. O proxecto de Parque de Ortegal, o do Megalitismo da Costa da Morte, o da Idade de Ferro da Barbanza e o Compostela Rupestre ademais da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesa centraron a oferta da presenza da área de Turismo no programa oficial da feira.

"A altísima calidade dos nosos recursos turísticos son unha opción de especial interese neste momento de recuperación do sector turístico. As persoas que se acheguen gozarán non só dunha paisaxe excepcional e unha gastronomía valorada mundialmente senón tamén de moitas alternativas para que a visita sexa única, entre elas, un patrimonio histórico singular e sorprendente", destacou o vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, na súa intervención no programa da feira de turismo industrial de Barcelona, B-Industrial, dentro do salón internacional de turismo B-Travel que está a ter lugar dos días 11 a 13 de xuño na capital catalá.

Ademais da intervención de Xosé Regueira, encamiñada a promocionar os distintos xeodestinos da provincia, o técnico da área de Turismo, Ángel Eiroa, fixo unha presentación das singularidades dos parques patrimoniais nos que está a traballar a Deputación da Coruña xunto cos concellos, de maneira especial, o proxecto de Xeoparque de Ortegal, o do Megalitismo da Costa da Morte, o da Idade de Ferro da Barbanza e o Compostela Rupestre, defendendo unha oferta que inclúe non só paisaxes únicas senón tamén un riquísimo patrimonio histórico e natural ao aire libre que, polas súas especiais condicións, constitúen destinos de especial interese na recuperación da oferta despois da pandemia.

Con impresionantes imaxes do banco de Loiba, do Faro de Ortegal ou do miradoir Vixia Herbeira presentouse o proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal no que se destacou a súa riqueza xeolóxica única no mundo con praias de area negras, os cantís máis altos de Europa, covas con rochas que se localizan a máis de setenta quilómetros de profundidade e que neste territorio se poden contemplar en superficie. Como produtos que están a dinamizar o proxecto insistiuse no traballo desenvolvido a través dos propios concellos coa poboación local e tamén a elaboración de rutas que ofrecen a posibilidade de gozar do seu patrimonio cultural, deportivo, artístico ou cultural con elementos de grandísimo valor como San Andrés de Teixido, os castelos de Moeche e Naraío ou o Festival de Ortigueira.

O Parque Arqueolóxico do Megalistismo da Costa da Morte sorprendeu en Barcelona pola alta concentración de monumentos do Neolítico, orixinarios no cuarto milenio antes da nosa era co Dolmen de Dombate como grande referencia. Na presentación en B-Travel fíxose fincapé na riqueza patrimonial única e tamén no modelo de xestión de traballo mancomunado que están a desenvolver a Deputación da Coruña e os dez concellos do territorio co fin de promocionar, conservar e poñer en valor os recursos que non son só tesouros históricos senón tamén ferramentas para o desenvolvemento turístico e económico do territorio co fin de diversificar e desestacionalizar a oferta.

Da mesma maneira, a ampliación e diversificación da oferta é un dos obxectivos do parque Compostela Rupestre que xira arredor dun poderoso foco de atención turístico como é Santiago de Compostela e ofrece a posibilidade de descubrir un riquísimo patrimonio de petróglifos da Idade do Bronce cunha imaxe propia na que se está a traballar como produto patrimonial e turístico de especial interese pola natureza dos elementos existentes.

A cultura castrexa é, finalmente, outro recurso para coñecer a Barbanza máis alá das súas extraordinarias praias. O Castro de Baroña no Porto do Son, os Castros de Neixón en Boiro, o Castro da Cidá en Ribeira ou o de Croa dos Posmarcos na Pobra do Caramiñal son boas razóns, como se defendeu en Barcelona, para achegarse a un territorio que ten posibilidades para converterse en destino turístico ao longo de todo o ano.

"Quixemos defender uns destinos territoriais que ofrecen diversidade e singularidade, posibilidades de gozar do patrimonio ao ar libre e descubrir unha riqueza histórica da que podemos presumir e que pode ser motivo para visitar a nosa terra por parte dun turismo que tamén é de especial interese para a reactivación do sector", explicou o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira.

A Reserva das Mariñas, o primeiro destino de ecoturismo galego

O presidente da Reserva da Biosfera das Mariñas, José Antonio Santiso, defendeu en Barcelona o primeiro destino de ecoturismo de Galicia no que, segundo explicou, participan 17 concellos ademais de Universidades e outras organizacións cunha especial participación da Deputación da Coruña a través da área de Turismo.

"Somos un modelo a nivel mundial de promoción desde o sector primario ao terciario cunha campaña que convide a sentir cos cinco sentidos con experiencias únicas", sinalou na súa intervención en que agradeceu a colaboración e o apoio da Deputación da Coruña.

Pola súa parte, o técnico da Reserva, Diego López, debullou os produtos turístico que se están comercializando que están a producir a creación de emprego e xerar riqueza no territorio partindo do compromiso social e ambiental. Entre outras iniciativas, destacou a posta en marcha dun catamarán eléctrico e accesíbel pola ría de Betanzos, a promoción de produtos gastronómicos, avistamentos de estrelas e aves, experiencias en kayak, rutas de muíños e da auga ou aloxamentos singulares.