Os jalpóns do Festival de Cans expostos na Bienal de Venecia de Arquitectura

Desde esta mesma semana, varias maquetas dos xa célebres jalpóns do Festival de Cans, permanecen expostos na Bienal de Venecia de Arquitectura, onde estarán ata o vindeiro mes de novembro. O proxecto que se poderá ver no pabellón español desta Bienal de Arquitectura recoñecida como a máis importante do mundo, xa estaba previsto para o pasado ano, pero tivo que adiarse por mor da irrupción da pandemia. 

Os arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco, do estudio de arquitectura CreuseCarrasco, son os autores deste proxecto que responde á reflexión que formula a Bienal de Venecia na súa XVII edición: “¿Como podemos vivir xuntos?”. A través de material gráfico, unha videoinstalación e orixinais maquetas de madeira deseñadas para esta ocasión, estes arquitectos propuxeron unha reflexión arredor da aldea de Cans e o seu territorio, denominada “Cans, arquitectura de consenso”. Juan Creus e Covadonga Carrasco afondan no seu proxecto na recuperación do patrimonio, os xeitos de convivencia e a singular conversión dos espazos cotiás privados en lugares de acción cultural de proxeción pública, un dos sinais de identidade do Festival de Cans.

Mais de 400 proxectos foron presentados para estar presentes no Pabellón de España da Bienal de Venecia, dos que só 34 foron seleccionados, entre eles o proxecto relacionado co Festival de Cans. Este proxecto forma parte da exposición “Uncertainly” que acolle o Pabellón de España, e reflexiona sobre a arquitectura de impacto social e a convivencia. O Ministro de Transportes do Goberno de España, José Luis Ábalos inaugurou esta exposición, visitando todos os proxectos, entre eles o do Festival de Cans. O prestixioso arquitecto Rafael Moneo, que recibiu o León de Ouro pola súa traxectoria nesta edición da Bienal, acompañou ó ministro Àbalos neste percorrido.

A exposición foi realizada co apoio de Acción Cultural Española (AC/E), A Agencia Española de la Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID) e o apoio da Fundación Arquia, e o Festival de Cans está comezando cos arquitectos autores do proxecto e con estas entidades, as conversas para intentar que Galicia poida acoller o vindeiro ano este proxecto, nalgunha cidade que conte cun espazo expositivo coas características axeitadas.