Os balnearios galegos comezan a abrir as súas portas e reelixen a xunta directiva


A Asociación de Balnearios de Galicia vén de celebrar a súa Asemblea Xeral Ordinaria na Cidade da Cultura. No transcurso da mesma renovouse a confianza na actual súa Xunta Directiva, por “responsabilidade co complexo momento que estamos a vivir”. Así, Marisol Espiño, directora Termas de Cuntis, continúa como presidenta; Antonio Garaloces, do Balneario de Lugo, como vicepresidente; Jesús Garriga, de Caldas de Partovia, como secretario; e José Ramón Fernández, do Balneario de Carballo, como tesoureiro.

Durante a xuntanza valorouse a reactivación do sector, xa que aos balnearios de Laias, Mondariz, Cuntis, A Toxa e Augas Santas, vanse sumar nas vindeiras semanas as reaperturas dos de Carballo, Lugo, Arnoia, Partovia e Dávila. Os balnearios galegos comezan a abrir as súas portas logo de estar pechados, na maioría dos casos, máis dun ano a causa da crise sanitaria. “Foron meses moi longos para todos, un período moi duro que agora estamos dispostos a recuperar e afrontar con ilusión. Os centros termais son establecementos que teñen un custo de funcionamento moi elevado, debido á cantidade de persoal -profesionais moi diversos- que traballa nos mesmos e cuns gastos enerxéticos realmente altos” -salienta Marisol Espiño-.

A Asociación agarda que “paulatinamente vaian abrindo todos os establecementos termais da comunidade; e poder contar, dado que é de vital importancia tanto para o sector como para as comarcas onde se atopan os balnearios, coa posta en marcha dos programas de termalismo social do Imserso e da Xunta de Galicia”.

A presidenta destaca “as posibilidades do termalismo para realizar programas terapéuticos e tamén para desfrutar do seu contorno natural; os balnearios son lugares idóneos para a recuperación e o descanso”. Nesta liña, continuarase potenciando o programa Un descanso nos Camiños, que conta co apoio da Axencia de Turismo de Galicia e é un dos cinco proxectos aprobados polo Clúster de Turismo de Galicia, presentado pola Asociación de Balnearios de Galicia en colaboración coa Fundación Expourense, Caldaria, Unión de Hosteleros Ourensanos e Amigos da Cociña Galega. A través desta iniciativa búscase potenciar o turismo termal aproveitando o Xacobeo 2021-2022, a través dun produto que está dirixido non só a peregrinos, senón tamén a persoas interesadas no Camiño.