O valor da experiencia da Eurorrexión na cooperación en eidos clave


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo destacou hoxe no Parlamento de Galicia o importante papel da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal no fomento da cooperación nesta Eurorrexión en ámbitos como a cultura, o turismo, a I+D+i co obxectivo de defender os intereses comúns dos cidadáns a ambos lados da “raia”.

Ademais, sinalou que a AECT tamén apoia a cooperación de proximidade mediante a colaboración entre concellos da Eurorrexión. Nesta liña, puxo como exemplo o Plan de Investimentos Conxuntos (PIC) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal elaborado pola AECT para establecer as prioridades de investimento no marco dos fondos europeos no período 2021-2027, que se prevé aprobar no próximo plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. Tamén elaborou o anterior PIC para o período 2014-2020, que permitiu posicionar á Eurorrexión como a primeira en captación de investimento a través do Programa Interreg para España e Portugal (POCTEP) con 158 millóns de euros para 84 proxectos neses anos.

Jesús Gamallo puxo en valor a experiencia da Eurorrexión como punto de encontro entre institucións, empresas e cidadáns e casa común da cooperación en eidos clave. Así, no que se refire á I+D+i indicou como exemplo o programa IACOBUS de fomento da mobilidade entre estudantes de 3º ciclo e docentes e persoal de universidades e institutos politécnicos da Eurorrexión, cun 90% de beneficiarios satisfeitos coa experiencia. 

No ámbito da cultura sinalou o programa NORTEAR, que xa vai pola súa sétima edición, e se basea no intercambio cultural entre Galicia e o Norte de Portugal e foi premiado en 2019 co premio Sail of Papenburg como mellor iniciativa de cooperación transfronteiriza. 

Ademais, resaltou o reforzo do traballo a prol dos Camiños portugueses a Santiago con motivo do Xacobeo 21-22 a través da organización do primeiro cumio de turismo da Eurorrexión, así como a continuidade do programam Facendo Caminho, no que se enmarca a elaboración dun novo Plan Director dos Camiños Portugueses a Santiago. 

Por último, no eido económico, a AECT vén organizando distintos encontros con sectores productivos de Galicia e o Norte de Portugal como o metal, a automoción ou o textil, ademais das xornadas Job Days para a procura de emprego transfronteirizo, a homologación dos títulos de Formación Profesional ou a participación nos programas B-Solutions para dar resposta a problemas como o cruce das fronteiras con menores non acompañados ou a axilización da burocracia no tránsito de vehículos profesionais entre ambas rexións.