O I Congreso Mundial Xacobeo celebraráse do 3 ao 5 de xuño

Santiago e Padrón acollerán a próxima semana –do 3 ao 5 de xuño- o I Congreso Mundial Xacobeo, un encontro impulsado pola Academia Xacobea que o seu presidente Xesús Palmou presentou hoxe co vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda. O Goberno galego apoia este evento que presidirá o rei Felipe VI e congregará a expertos de todo o mundo para abordar a través de varias mesas redondas o Camiño de Santiago desde distintas perspectivas: a súa orixe, a vinculación coa filosofía e a literatura, o Dereito, o patrimonio e mesmo a saúde. 

O vicepresidente primeiro da Xunta fixo fincapé na importancia do traballo de investigadores e estudosos sobre os Camiños de Santiago, como os participantes neste congreso, porque contribúen a manter viva a cultura xacobea. Segundo explicou, o Camiño é o eixo vertebrador de Europa con meta en Galicia, que xa está preparada para acoller aos peregrinos neste Xacobeo 21-22 nun destino seguro. 

Así, lembrou que o Camiño de Santiago e o produto estrela da oferta turística da comunidade e neste Ano Santo Dobre ofrece aos visitantes todo o que están a demandar neste escenario postpandemia ao poder descubrir as marabillas de Galicia facendo deporte de xeito seguro e en espazos abertos en contacto coa natureza. 

Palmou destacou que este primeiro Congreso Mundial Xacobeo é a proposta estrela dos actos programados pola Academia Xacobea con motivo do presente Ano Santo e subliñou a importancia que ten para o Congreso a participación na sesión inaugural do próximo xoves do rei Felipe VI. Ademais, apuntou que coincidindo tamén co Ano Santo e co Congreso, a Academia Xacobea vén de editar un libro titulado Crónica dun peregrino singular no que 15 especialistas de eidos diversos reflexionan a través de varios ensaios sobre a historia, o presente e a pegada do Camiño de Santiago. 

O volume, editado por MundiEdiciones, amplía a biblioteca da Academia Xacobea da que xa forman parte os títulos premiados na primeira edicións dos certames de novela, ensaio e poesía convocados pola entidade.