O Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico investiga os machados de talón prehistóricos

O Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico da Deputación de Pontevedra no pazo de Liñares segue a dar pasos para situarse como un reputado centro de investigación estatal e internacional sobre o patrimonio. Deste xeito, o recinto lalinense acolleu nos últimos días a fase de experimentación do proxecto "Produción e deposición masiva de bronces chumbados na transición Bronce Final-Idade de Ferro da Europa atlántica", financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, liderado por Xosé-Lois Armada, do INCIPIT, e no que están implicadas equipas do Museo Británico, da Universidade de Cambridge ou da Universidade de Coimbra. O equipo de investigación participante no experimento puxo en valor as "prácticas instalacións" do pazo.

En Liñares traballaron persoal do INCIPIT (Xosé-Lois Armada, Noemí Silva e María G. Faro) e do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo (Beatriz Comendador e Aaron Lackinger). As técnicas e técnicos realizaron entre o xoves e o venres pasado traballos de "enxeñería inversa", para resolver as incógnitas do proceso de produción dos machados de talón prehistóricos, con altos contidos de chumbo, que aparecen nos depósitos do Noroeste Ibérico e dos que o Museo de Pontevedra acolle unha boa mostra. Malia ser moi frecuentes en Galicia e no norte de Portugal, o emprego de altos contidos de chumbo para producir machados de bronce formula numerosos interrogantes desde o punto de vista tecnolóxico e funcional. De feito, moitos destes machados preservan o cono de fundición e parece que nunca chegaron a empregarse como machados propiamente ditos.

Así, en Liñares as e os investigadores estiveron fundindo metais, mantendo e variando os parámetros do proceso que seguiron tal e como se facía entre a Idade de Bronce Final e a de Ferro, para elaborar diferentes réplicas e descubrir como producían os metais, como se chegou ao produto final e que tecnoloxías empregaban na prehistoria. Segundo as/os integrantes da equipa do proxecto o Centro de Xestión de Coñecemento Arqueolóxico "conta cunhas prácticas instalacións" para realizar a investigación. Deste xeito, as investigadoras e investigadores adiantaron que a análise das réplicas que se acaban de producir esta semana en Liñares serán analizadas tamén no pazo, ademais de nas propias instalacións do INCIPIT, empregando aparellos e técnicas como microscopios ou aplicacións de raios X.

A Deputación de Pontevedra e o CSIC, a través do INCIPIT (Instituto de Ciencias do Patrimonio) teñen en marcha numerosas iniciativas para poñer en valor o pazo de Liñares. Así, impulsaron a pasada semana o curso O ouro dos Castros e en maio outro de Aplicacións de Fluorescencia de Raios X en Arqueoloxía e Ciencias do Patrimonio nas dependencias do pazo lalinense. 

Tamén mediante este acordo estanse a investigar os contornos e interior dos castros de Bendoiro (Lalín), Castrolandín (Cuntis) e Montaz (Silleda) e desenvolvéronse conferencias dirixidas á comunidade escolar sobre os castros e os seus habitantes, as paisaxes do pasado ou arqueoloxía sen escavar a terra. Ademais, están previstas xornadas de portas abertas no Centro de Xestión Arqueolóxica do Pazo de Liñares onde, ademais de coñecer o laboratorio e os procesos de traballo que alí se desenvolven, as persoas visitantes poderán ver os materiais investigados.