Nova Mesa de Traballo do Camiño Inglés e do Camiño Fisterra-Muxía


O Pazo de Mariñán, no Concello de Bergondo, acolleu o acto de constitución da Mesa de Traballo do Camiño Inglés e do Camiño Fisterra-Muxía, un proxecto impulsado pola Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, no que están representados todos os sectores da sociedade e que funcionará como nova folla de ruta na promoción, desenvolvemento e consolidación deste produto orixinal e diferenciador que ten Galicia e a provincia.

A creación desta Mesa de Traballo xurde da necesidade recollida no artigo 75 da Lei de Patrimonio cultural de Galicia que expresa o interese de adoptar medidas de mantemento e conservación no eido dos trazos delimitados de cada camiño.

É un instrumento que pretende dar visibilidade a todos os ámbitos que poidan estar implicados dunha ou outra maneira no fomento da preservación e valorización dos Camiños e por iso forman parte as institucións públicas (Xunta de Galicia, Deputación e concellos), as universidades da Coruña, Santiago e Durham, a Confederación de Empresarios da Coruña, as xerencias de Turismo das cidades da Coruña e Santiago de Compostela, asociacións veciñais, culturais, de hostaleiros, xornalistas, arquitectos, e profesionais do sector turístico.

"Esta mesa é un reflexo da pluralidade que ten esta provincia, coa implicación de todo o tecido social, empresarial, comercial e institucional", subliñou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que cree que "isto é a mellor garantía de que vai a ter un carácter práctico, dinámico e que vai a poder constatarse en medidas concretas de mellora do Camiño sendo unha oportunidade para o mundo rural porque xera unha economía alternativa ás tradicionais do interior da provincia e tamén da zona costeira".

"Unha representación tan plural como a propia sociedade coruñesa, nunha mesa que xorde coa vontade de sumar, aportar ideas e crear un espazo común de diálogo, cooperación e traballo que escoite todas as sensibilidades, porque o Camiño tamén é iso: diversidade e punto de encontro", sostivo

González Formoso tamén destacou que "desde a Deputación levamos facendo desde hai moito tempo unha aposta clara polo Camiño, con iniciativas como a mellora das sendas e trazados de todas as variantes do Camiño, a oferta de mellores servizos como as fontes de auga potable para os peregrinos que estamos instalando grazas ao proxecto LIFE Water, ou a firma de convenios coa Asociación de Concellos do Camiño Inglés para facer investimentos en cascos históricos dos municipios polos que discorre".

O presidente da Deputación destacou que "apostar polo Camiño é tamén apostar polo noso medio rural, porque xera unha economía alternativa que para moitos concellos é unha das principais fontes de riqueza",

No acto tamén estivo presente o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que agradeceu a invitación aos representantes da Xunta "para formar parte desta mesa de traballo" que se suma á colaboración "que estamos tendo coa Deputación na promoción turística conxunta de Galicia e da provincia, pola súa implicación con iniciativas como o bono turístico".

O vicepresidente autonómico cre que "temos unha enorme oportunidade con este ano e medio de Xacobeo" e a provincia da Coruña ten "esa sorte de ser o final de todos os Camiños e aquí tívose a intelixencia de poñer ese valor engadido de potenciar estes dous tramos, á vista están os resultados que indican que están crecendo moitísimo grazas ao bo traballo que se fixo".

Pola súa parte, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, explicou que "temos que ir facendo camiño como se debe facer, que é facendo comunidade, acompañándonos os uns aos outros e buscar ese escenario de colaboración que debe ser leal e con iso conseguiremos os obxectivos que nos temos plantexados".

O deputado Antonio Leira, que presidirá por delegación do presidente este órgano incidiu tamén na importancia de "traballar coordinadamente" e "sumar esforzos" para potenciar estas rutas nunha provincia que é o epicentro do Camiño.

Obxectivos da Mesa de Traballo

A Mesa dos Camiños constituída hoxe centrarase nos dous que discorren integramente pola provincia da Coruña, o Camiño Inglés e o Camiño Fisterra-Muxía, e a súa constitución ten como obxectivos:

· Ter información da Xunta dos proxectos, accións e investimentos para a conservación, valorización, promoción, recuperación, sinalización e xestión do Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia da Coruña.

· Desenvolver o coñecemento e fomento da súa conservación e valorización baixo a lóxica da sustentabilidade e compatibilidade co turismo responsable.

· Difundir, a nivel nacional e internacional o seu valor cultural.

· Sensibilizar ás autoridades locais de cara ao traballo conxunto para mellorar o patrimonio material e inmaterial.

· Recuperar o patrimonio histórico.

· Apoiar programas de investigación, promoción da seguridade e accesibilidade, así como a organización de programas de mantemento e limpeza.

· Promover unha xestión integrada e intersectorial e promover fórmulas de cooperación entre as diferentes administracións implicadas.

· Promover relacións coas diferentes asociacións do Camiño.

Primeira proposta

Nesta primeira xornada inaugural a Mesa xa debateu e aprobou a primeira proposta formal, presentada pola Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) para que se inicie a tramitación do expediente de inclusión do Camiño Inglés na lista de Patrimonio Mundial da UNESCO, formulada polo seu presidente, Antonio Fontenla Ramil.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, trasladou ao presidente da patroal coruñesa o apoio da Deputación da Coruña a esta iniciativa