Navega o Camiño reactiva o turismo naútico cunha peregrinación por 15 portos galegos


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu esta tarde no porto de Muros aos participantes na Travesía náutica xacobea Navega o Camiño (Sail the way), que percorre a costa galega desde Ribadeo ata o río Ulla. A peregrinación por mar, que visita un total de 15 portos galegos, rematou hoxe en Muros a súa quinta etapa e culminará coa chegada a pé a Santiago de Compostela o vindeiro sábado. 

Nava Castro destacou a importancia desta iniciativa na promoción do sistema portuario autonómico e enxalzou o papel do Xacobeo 21-22 de cara á reactivación do turismo náutico e a difusión do Camiño por mar. A directora de Turismo agradeceu neste sentido o traballo conxunto das entidades organizadoras -NorthMarinas, Asnauga e Marinas de Galicia- na difusión de Galicia como destino seguro, con carácter diferenciado e lonxe das masificacións doutras zonas litorais. 

Tamén amosou o apoio da Xunta a esta travesía, pois supón un impulso á desestacionalización do turismo náutico ao promover a navegación no interior das rías, "que polo carácter calmado das súas augas permiten a navegación todo o ano". Neste sentido, subliñou a importancia de trasladar esta idea aos navegantes de toda Europa, finalidade coa que a Xunta engadiu á travesía un barco oficial no que viaxan xornalistas especializados en turismo de medios de diversos países. 

Ademais, a directora de Turismo de Galicia lembrou que esta edición reivindica o papel da muller na práctica náutica. Con este obxectivo, a campioa olímpica Ángela Pumariega patronea unha das embarcacións da organización cunha tripulación composta maioritariamente por mulleres. 

Confluencia en Portosín

A travesía náutica xacobea Navega o Camiño (Sail the way) continúa hoxe el itinerario coa etapa entre Muros e Cabo de Cruz. Previa á súa chegada ao porto boirense, a expedición recalará no peirao de Portosín, onde confluirá cos barcos que están a realizar a ruta sur desde o porto de Baiona como reclamo do conxunto do sistema náutico galego na Ría da Estrela.