Nava Castro posicona a Galicia como desitno seguro no Parlamento


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, explicou hoxe no Parlamento as accións que o Goberno galego está levando adiante para posicionar a Galicia como destino seguro. Neste sentido, Nava Castro puxo en valor o traballo levado adiante ao longo deste ano e medio de pandemia, durante o que a Xunta levou a cabo actuacións nos ámbitos da información, asesoramento, formación, e financiamento tanto de cara aos profesionais –coa posta en marcha de protocolos e manuais, formación especializada e axudas para a implantación de medidas anticovid-, coma para os peregrinos e visitantes –para quen se habilitou teléfono especial de información e rexistro de viaxeiros ou a app PassCovid-. 

“Desde 2020 traballamos para posicionar Galicia no imaxinario do viaxeiro como o que é, un destino seguro; o verán pasado vimos os primeiros resultados, cun mellor comportamento do destino nun contexto de caída xeneralizada”, explicou a directora de Turismo de Galicia, que engadiu que agora “seguimos a traballar na recuperación da confianza do viaxeiro con medidas concretas como a posta en marcha do seguro coronavirus ou a elaboración do novo Plan Galicia Destino Seguro 2021-2023 no que estamos a avanzar da man do sector”. 

Falta de apoio do Goberno central

Nava Castro aproveitou a comparecencia para poñer en valor que Galicia é un destino que encaixa perfectamente co que o viaxeiro postpandemia necesita pero que é preciso seguir acompañando con medidas concretas para a reactivación do sector. Medidas que Nava Castro botou en falta por parte do Goberno central, ao que reprochou a falta de concreción e de apoio decidido ao sector. 

“O Ministerio chega tarde coas súas medidas con respecto a outros destinos competidores e chega mal porque o posicionamento como Destino Seguro non pode realizarse só cunha campaña publicitaria, ten que ir acompañado da implantación de medidas concretas que reforcen esa imaxe, tal e como viñemos facendo en Galicia”, sinalou.

A reactivación do Camiño, coa chegada de máis de 8.000 peregrinos nos últimos tres meses, vén sendo a constatación de que turistas e peregrinos perciben Galicia como destino seguro, un dos obxectivos que se propuxo a Xunta, que confía no turismo e no Xacobeo 21-22 como motor da recuperación económica de Galicia.